Biografía
Roberto Grandal é un artista poliédrico de longa traxectoria no eido musical e audiovisual. Tamén traballou como produtor de espectáculos e festivais, programador, técnico cultural e deseñador gráfico. Mais a cerna da súa paixón é a música, arte que estudou en varios conservatorios.
Destaca sobre todo, por ser un experimentado mestre acordeonista, instrumento sobre o que impartiu obradoiros e clases de todo tipo como na Escola de acordeón Acordeonízate! (2014-2019). Así mesmo o seu acordeón soa en varios filmes galegos como “O bosque animado” (Manolo Gómez/De la Cruz, 2001), “A Casa da luz”(Carlos Amil, 2009).
Roberto leva tocado e participado en discos, proxectos musicais e audiovisuais dunha morea infinita de grupos de todos os estilos e tendencias, tocando acordeón, teclados, percusión, secuenciación e “sampling”. Entre os artistas cos que colaborou figuran nomes claves da música galega: “Toxos e Froles”, Xosé Manuel Budiño, María Manuela, Leilía, Fía na Roca, Pablo Seoane, Los Tigres del Cañotas, Xabier Díaz, Doa, Guadi Galego, Susana Seivane ou Os Cempés, así como en orquestras e agrupacións de música popular.
A segunda paixón de Roberto é o audiovisual, traballando como técnico polivalente: operador de cámara, técnico de son e iluminación, montador e realizador de documentais e videoclips: “Non saímos do lixo”, “Cabo Verde, Sabí”, “Aos catro ventos-Glasgow”, “No Cantamos al amor”, “Queremos ir a Eurovisión” e “A música da Bandeira 2012”.
