Biografía
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo. Desenvolve o seu traballo entre a dirección e a dirección de arte, participando tamén na escritura e na montaxe dos seus proxectos. A súa linguaxe céntrase na fidelidade á experiencia emocional; parte da realidade e transfórmaa sen buscar necesariamente unha representación literal. A estética e a narración concíbense como partes inseparables, nas que o cotián pode adquirir dimensións tenras, tétricas ou ambas á vez.
Codirixiu e coescribiu as curtametraxes “Tara” (2023) e “Gralla” (2024), asumindo tamén a dirección de arte e a montaxe. Ambas forman parte dun universo cinematográfico de carácter distópico e foron seleccionadas en diferentes festivais nacionais e internacionais. Traballou como directora de arte en “As Maos da Pulpeira”, de Silvia Cachafeiro, producida por Matriuska Producións, e desenvolveu a dirección e a dirección de arte de diferentes videoclips, entre eles “Dile a Todos Esos”, de Sinde. Tamén foi responsable da dirección de arte do álbum “De La Puebla Para El Mundo”, de Los Mangos.
Actualmente desenvolve “O idioma dos abanos”, proxecto de longametraxe en proceso de escritura.
