Ir ao contido principal

XI Chanfaina Lab

2026

Na súa undécima edición, o Chanfaina Lab converterá San Sadurniño nun espazo de encontro, creación e convivencia arredor do cinema. Durante unha fin de semana, cineastas e novas voces do audiovisual galego filmarán 25 pezas inspiradas na memoria, a paisaxe e as historias do lugar.

Encontro: 4–6 de setembro de 2026

Sobre esta edición

Durante a fin de semana do 4, 5 e 6 de setembro de 2026 volveremos vivir a experiencia do Chanfaina Lab, o encontro audiovisual que cada ano convida cineastas e creadoras e creadores de diferentes procedencias a descubrir e reinterpretar o territorio de San Sadurniño a través das súas cámaras.

A proposta é sinxela: durante a fin de semana, as persoas participantes terán que crear unha peza audiovisual de entre tres e cinco minutos, con liberdade para decidir que historia contar e como facelo. Non hai un tema pechado nin unha única maneira de mirar. Cada cineasta achega a súa propia sensibilidade, experiencia e forma de entender a creación audiovisual para construír unha visión colectiva e diversa do municipio.

Nesta undécima edición, o cartel do encontro pon o foco nas Escolas da Emigración de Ferreira, dous edificios vinculados á historia migratoria da parroquia e á iniciativa das comunidades emigradas para contribuír ao futuro da súa terra. A súa historia conecta coa memoria do territorio e coa pegada que os movementos migratorios deixaron en San Sadurniño, mais non condiciona a liberdade creativa das persoas participantes, que poderán achegarse a calquera historia, espazo ou realidade do concello.

A paisaxe rural e as súas xentes, a memoria e as historias que permanecen nos lugares, os movementos migratorios, o paso do tempo ou as transformacións sociais son só algunhas das múltiples portas de entrada a un territorio que ofrece infinitas posibilidades para a creación audiovisual. As sete parroquias de San Sadurniño, cos seus diferentes paisaxes, ritmos e realidades, converten os seus 99 quilómetros cadrados nun escenario aberto á experimentación e á procura de novas formas de contar.

O propio nome de Chanfaina remite a unha receita tradicional propia dos territorios de antigos señoríos. Mentres as partes consideradas máis nobres do animal eran destinadas aos señores, as vísceras e outras partes menos valoradas quedaban nas cociñas das labregas, que as aproveitaban para elaborar este prato, de longa tradición en parroquias como Bardaos e Igrexafeita.

O Chanfaina Lab tamén nace desa idea de mestura e diversidade. O encontro procura reunir persoas con diferentes idades, formacións, experiencias e maneiras de entender o audiovisual, facendo da convivencia entre sensibilidades diversas unha das súas principais riquezas. Cineastas con traxectorias consolidadas comparten espazo con persoas que están a dar os seus primeiros pasos, nun intercambio no que todas as miradas teñen algo que achegar.

Nesta XI edición participarán Bieito Beceiro, Iván Castiñeiras, Alejandro Castro, Yago Castro, Miguel A. Delgado, Xaime Fandiño, José Roberto Fernández, Alba Gallego, Pepe García e Isa Moreno, Kevin Lorenzo, Iago Lourido e Pablo Martínez, Carmen Méndez, Olga Osorio, Cruz Piñón, Gema Rodríguez, María José Serantes, Rebeca Tella e Abel Vega, xunto cos colectivos The Sungirls, Teño unha horta, Diáspora, A Rigueira, MonteZ e Proxecto Amarte.

Unha vez máis, San Sadurniño converterase durante tres días nun laboratorio de creación, encontro e experimentación audiovisual. As cámaras volverán percorrer as parroquias e os espazos do concello para descubrir novas historias, observar desde outras perspectivas o que xa coñecemos e construír novas formas de contar o lugar que habitamos.


Historia do cartel

Como nas edicións anteriores, os carteis da Chanfaina Lab inspíranse en motivos relacionados co patrimonio artístico ou natural de San Sadurniño. O cartel deste ano -deseñado pola novísima artista Irene Ávila- tomou como referencia as escolas indianas de Ferreira, a  parroquia con maior taxa de emigración do concello de San Sadurniño.

Escola da Seara

En febreiro de 1915, os naturais de Ferreira emigrados en Bos Aires e Montevideo decidiron constituír a sociedade "Pro-escuelas en Ferreira", co obxectivo de construír escolas para os nenos e nenas da parroquia e así non tiveran que emigrar. Mediante achegas mensuais e actos festivos de todo tipo, conseguiron recadar  33.228 pesetas en Arxentina e Uruguai. En 1931 xa estaban rematadas as obras dos dous edificios escolares. Ambas escolas eran moi similares: tiñan capacidade para atender a un cento de nenos e nenas en dúas clases separadas. (50 m² cada aula) con dúas vivendas para o profesorado -tamén separadas- no primeiro andar.

Escola da Leiriña


Ambos edificios indianos, froito do esforzo emigrado, chegaron ata nós formando parte do patrimonio material e inmaterial de San Sadurniño. En Ferreira de Arriba, no lugar de Leiriña, coas remesas de emigrantes construíuse a escola “Montevideo”. A primeira pedra colocárase o 8 de outubro de 1925 grazas a doazón dos terreos pola Marquesa de San Sadurniño, mais non será inaugurada ate 1931. O edificio ficou abandonado en 1972. En Ferreira de Abaixo, no lugar da Seara o estaba a escola “Buenos Aires”.  Adquirida en 1934 polo Concello na 2º República, foi centro escolar ata que a baixa demográfica e a apertura do novo colexio en San Sadurniño deixaron o edificio baleiro. Dende o 2010 é un lugar de encontro do tecido asociativo da veciñanza.