Ir ao contido principal

O XI Chanfaina Lab pecha a fin de semana de rodaxes coa vista posta nas estreas de febreiro

Os e as cineastas percorreron durante a fin de semana o territorio para rodar as súas pezas, mentres veciñanza colaborou na produción e interpretación das novas historias

Edicións relacionadas
Isa Moreno na rodaxe

A fin de semana do XI Chanfaina Lab chegou ao seu final tras tres días de encontro audiovisual en San Sadurniño, pero a despedida ten data de volta: será en febreiro, cando as realizadoras e os realizadores presenten as curtas filmadas durante esta edición.

Durante o sábado e o domingo, as persoas participantes percorreron distintos puntos do concello na procura das historias, paisaxes e persoas que darán forma ás súas pezas. Pola súa banda, a veciñanza colaborou axudando na produción tanto diante como detrás das cámaras.

Alba Gallego na rodaxe
Alba Gallego e Yago Méndez durante a rodaxe da peza.

As pezas deberán respectar, como cada ano, unhas pautas comúns: non superar os cinco minutos de duración e empregar músicas libres de dereitos que permitan a súa publicación posterior na web e na canle de Youtube do Chanfaina Lab. As creadoras e os creadores manteñen, ademais, a propiedade das súas obras, polo que poderán presentalas posteriormente en festivais, salas ou plataformas audiovisuais.

A despedida do encontro mantivo tamén unha das tradicións do Chanfaina Lab que é o xantar colectivo de clausura, celebrado no Mesón A Granxa, onde as persoas participantes compartiron mesa arredor da chanfaina, o embutido que dá nome ao proxecto pola súa capacidade para combinar ingredientes sinxelos nun resultado cheo de matices.

Esa mesma mestura está tamén na esencia das pezas que se comezarán a descubrir en febreiro. Aínda que será necesario agardar para coñecer os resultados, os traballos desenvolvidos durante esta edición apuntan novamente cara a unha ampla diversidade de xéneros e tratamentos, desde a exploración da paisaxe e a memoria do territorio ata a ficción, a historia ou diferentes propostas de experimentación audiovisual.

Co peche desta primeira parte do encontro, o Chanfaina Lab volve deixar en mans das e dos cineastas o tempo necesario para rematar as súas historias. O territorio xa puxo as localizacións e as ideas; agora comeza a fase de montaxe e edición que permitirá descubrir, dentro duns meses, as diferentes miradas construídas arredor de San Sadurniño.

Durante o xantar de despedida, o Equipo de Cociña agradeceu a participación das creadoras e dos creadores nesta XI edición, así como a colaboración do Concello de San Sadurniño e das asociacións veciñais que contribuíron ao desenvolvemento do encontro.

A programación continuará o 30 de outubro cun obradoiro de montaxe impartido por Lucía Iglesias. Será en horario de 16:00 a 20:00 horas con entrada de balde mais con inscrición previa e asignación de prazas por orde de inscrición. Toda a información en chanfainalab.gal.

O XI Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño co apoio da Deputación da Coruña.