O Chanfaina Lab leva a Cabanas unha ollada cinematográfica á vida en comunidade
A sesión «O Sansa Social», organizada xunto coa asociación cultural Tarde Piache, terá lugar o 14 de novembro na Escola Laica e combinará a proxección de curtametraxes cun coloquio con integrantes do proxecto.

O Chanfaina Itinerante chegará o vindeiro sábado 14 de novembro a Cabanas cunha sesión dedicada ao ciclo «O Sansa Social», unha escolma de curtametraxes que percorre diferentes dimensións da vida colectiva a través de historias rodadas en San Sadurniño. A actividade, organizada en colaboración coa asociación cultural Tarde Piache, desenvolverase na Escola Laica a partir das 17:00 horas e incluirá, ademais da proxección, un encontro aberto ao diálogo co público.
O programa reúne unha selección de pezas realizadas ao longo das dez primeiras edicións do Chanfaina Lab, entre as que figuran Café-Bar Santos peluquería (Sonia Méndez, 2014), O salón do canteiro (Antón Caeiro, 2015), Mbemba en Sansa (Luis Avilés, 2019), Trazos (Alberte Branco, 2015), A través do tempo (Noemí Caneiro, 2019), Dereito a sermos vellas (Dereito a sermos vellas, 2018), Historia do Cisne, o atún e a troita (Colectivo Teño unha horta, 2017, Coop (Isabel Rey, 2024), O Ikigai en Sansa (Manolo Gómez, 2023) e Cóntame a túa historia (Carlos Amil, 2025). Cunha duración total de 92 minutos, os filmes ofrecen distintas aproximacións á realidade social do municipio e abordan cuestións como a inmigración, a igualdade de xénero, o traballo, a educación, o envellecemento, os coidados ou a organización comunitaria. A través de experiencias e personaxes concretos, as curtametraxes constrúen un retrato plural dunha sociedade, das relacións que a sosteñen e dos cambios que a atravesan.
A escolma reúne creacións de cineastas con percorridos diversos e de autoría local, nunha combinación que reflicte a vontade do Chanfaina Lab de propiciar o encontro entre diferentes xeracións, experiencias e linguaxes audiovisuais. O ciclo non se limita a poñer o foco nos retos e nas problemáticas sociais, senón que tamén presta atención aos afectos, á solidariedade e á memoria compartida como parte esencial da construción dunha comunidade.
Tras a proxección celebrarase unha conversa con Irene Ávila, Ángela Arnosa, Fran da Lobeira, Brianda García, Kevin Lorenzo, Iago Lourido e Brais Varela, integrantes do equipo e persoas vinculadas ao Chanfaina Lab. O coloquio abordará a relación entre cinema e territorio, as implicacións de filmar nunha comunidade e as distintas maneiras de interpretar e contar unha mesma realidade. Unha oportunidade para compartir impresións arredor das películas e reflexionar sobre como as imaxes poden contribuír a descubrir e comprender os lugares que habitamos.
A sesión forma parte dos Piadoiros impulsados por Tarde Piache e busca converter a Escola Laica nun espazo de encontro arredor do cinema e da cultura. A entrada será libre ata completar o aforo.
O XI Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño e conta co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da Deputación da Coruña.