
Un mosaico de filmes que explora o que nos une e tamén o que nos transforma.
O día 14 de novembro na Asociación "Tarde piache", na Escola Laica de Cabanas terá lugar unha nova sesión da Chanfaina itinerante. O ciclo "O Sansa social" propón unha viaxe polas relacións humanas, a memoria colectiva e as diferentes formas de convivencia a través dunha selección de curtametraxes realizadas ao longo das dez primeiras edicións do Chanfaina Lab. As pezas ofrecen distintas miradas sobre a realidade social de San Sadurniño, abordando cuestións como a inmigración, a igualdade de xénero, o traballo, a educación, o envellecemento, os coidados e a organización comunitaria. Historias persoais que, no seu conxunto, permiten construír un retrato da sociedade e das súas transformacións.
A selección combina o traballo de cineastas de recoñecida traxectoria con creadoras locais, reflectindo un dos principios fundamentais do Chanfaina Lab: o encontro entre diferentes xeracións, experiencias e maneiras de entender o audiovisual. Máis alá dos conflitos e das problemáticas sociais, o ciclo tamén pon en valor os vínculos afectivos, a solidariedade e a memoria compartida como elementos esenciais para construír comunidade.
A duración do programa é de 92 minutos. A proxección e posterior debate será o día 14 de novembro na Asociación "Tarde Piache". Escola Laica de Cabanas na Avda. da Torre, 40. Cabanas














