Ir ao contido principal
Outras formas de mirar (1)

Outras formas de mirar (1)

O cinema como territorio de experimentación e descubrimento.

Unha viaxe polo cinema experimental e a videocreación do Chanfaina Lab: imaxes libres, olladas persoais e formas de explorar o mundo alén dos relatos convencionais.

Imaxe de "Tempo vertical" de Luís Patiño
Imaxe de "Tempo vertical" de Luís Patiño

Este ciclo é unha primeira entrega dedicada ao cinema experimental, unha forma de explorar a realizade máis alá do relato convencional. Desde a liberdade creativa e a ollada persoal, as pezas transforman paisaxes, textos, lembranzas ou emocións en experiencias cinematográficas singulares. Algunhas se achegan á videocreación, outras ao cinema-ensaio, á experimentación formal, á videopoesía ou ao cinema máis persoal.

Esa vontade de experimentar está presente xa desde a primeira edición do Chanfaina Lab (2014), que convidaba a filmar San Sadurniño con liberdade temática, estilística e visual. De feito, quizais o experimental e a videocreación sexan as formas de expresión máis habituais na Filmoteca do Chanfaina Lab. Gran parte dos cineastas chegan a San Sadurniño cunha teima, unha intuición ou unha experiencia persoal e, a partir dese fío inicial, constrúen as súas pezas con absoluta liberdade, sen necesidade de se axustaren ás formas narrativas convencionais.

Nesta primeira escolma reunimos obras da primeira xeración vinculada ao chamado Novo Cinema Galego, que iremos ampliando en sucesivas entregas. Son propostas nas que prevalecen a mirada propia e a vontade de experimentar coas posibilidades da linguaxe cinematográfica. Un texto literario, unha lembranza, unha emoción, unha música do pasado ou a propia biografía poden ser o punto de partida.   Ás veces, as persoas creadoras actúan como cazadoras de sinais e ronseis doutros tempos; outras, déixanse levar pola intuición, pola materia da paisaxe ou polo que acontece diante da cámara. O resultado son pezas que convidan a mirar doutro xeito, a descubrir o invisible e a deixarse levar pola experiencia sensorial e poética do cinema:

“Solpor” (Xacio Baño, 2014). Na procura dun instante revelador, o cineasta persegue o seu particular unicornio: o raio verde que anuncia o remate do día. Entre cervos, coellos, mitos e lendas, o anoitecer abre unha fenda pola que pode regresar o mundo fantástico e o esplendor perdido da todopoderosa familia Quindós.

“A auga branca” (Margarita Ledo, 2018). A auga máxica convértese en vehículo da memoria, da infancia e da imaxinación da cineasta. A través dunha ollada poética e persoal, Margarita Ledo explora os vínculos entre territorio, lembranzas propias e identidade, facendo dialogar as paisaxes da parroquia de Monte coa memoria íntima da súa patria, a Terra Chá.

“Sibila” (Carla Andrade, 2016). Inspirada libremente nun relato de Álvaro Cunqueiro. A cineasta mergúllanos nun universo de brétemas, sombras e presenzas misteriosas. A natureza parece gardar as pegadas dun mundo mítico que apenas conseguimos entrever: un espazo onde se fusionan pensamento e vida, razón e intuición e onde o poético se converte nunha forma de amosar a parte invisible da realidade.

“Balada cover” (Juan Lesta e Belén Montero, 2014). O poema «Fuente Vaquera» (1889) de José María Gabriel y Galán, é o punto de partida dunha videopoesía que combina palabra, paisaxe e memoria histórica. Entre o río Xuvia e a contorna da Marquesa Natividad Quindós, a obra transforma un texto literario nunha experiencia visual.

“Tempo vertical” (Lois Patiño, 2016). Figuras inmóbiles e paisaxes suspendidas propoñen unha reflexión sobre o tempo e a percepción. Fronte ao tempo físico da natureza que flúe, aparece outro -o vertical-,  máis interior e impreciso: o da contemplación, o abraio e a experiencia poética, unha sensación íntima de transcendencia.

“Cartas de Conquista” (Xurxo Chirro, 2014). A lectura frontal e case hierática de antigas cartas serve para explorar a historia e o poder dos Marqueses de San Sadurniño. O pasado desvélase a través da palabra e dunha historia en disputa. A palabra convértese aquí nun instrumento para revisar o pasado e cuestionar a maneira en que se constrúen os relatos históricos.

“Superfícies Forgoselo (Granito)” (Alberte Pagán, 2014). Unha superficie granítica filmada sobre outra superficie granítica. A paisaxe non se mira, senón que se sente dende o máis fondo da Terra. Alberte Pagán despraza a mirada cara á materia e á unión entre pedra, ceo e territorio. Unha peza radical na que importa menos comprender que sentir a forza telúrica da paisaxe.

“Soli, soli” (Eloi Domínguez Serén, 2016). Unha folla que danza nas augas do río Xuvia convértese en memoria en movemento. O cinema e a vida dialogan ao ritmo do tempo nunha viaxe íntima polos espazos da memoria e dos sentimentos máis íntimos do cineasta. A paisaxe cotiá convértese nun espello no que o cineasta explora o amor, a perda e a propia experiencia vital  fusionando a súa vida co material que filma

“Irmandade” (Helena Girón e Samuel M. Delgado, 2018). A revolta irmandiña e os textos medievais resoan nunha paisaxe atravesada pola auga, o tempo e as presenzas invisibles. A través de imaxes e sons que parecen xurdir doutro mundo, a peza evoca unha memoria colectiva que permanece soterrada, pero segue viva no presente. Os cineastas filman así ese espazo abstracto no que os ecos do pasado continúan a latexar na nosa bioloxía contemporánea, aínda que non sexamos quen de velos.

“O salvaxe leva o seu tempo” (Oliver Laxe, 2017). A fonda relación da compañeira do cineasta cos cabalos inspira unha videocarta íntima sobre a liberdade, a natureza e a vida compartida. O filme vaise construíndo libremente diante da cámara, sentimento a sentimento, nun fluír natural que procura a verdade a través de xestos, palabras e miradas. A película medra ao ritmo da propia experiencia, nunha forma de entender o cinema que conecta coa idea de «cinema con alma» que Oliver Laxe reivindica  sempre.

A duración do programa é de 80 minutos. Esta é a primeira entrega dunha programación que continuará explorando as múltiples formas do cinema experimental e da videocreación presentes na Filmoteca do Chanfaina Lab. Propostas diferentes, unidas pola liberdade de creación e por unha maneira singular de mirar o mundo. Podes ver tamén Outras formas de mirar (2)

Películas do ciclo

10 películas