Sinopse
Retrato de Santa Mariña do Monte, esa parroquia ben organizada onde a auga abrolla e desaparece, onde a Virxe da Esperanza tén unha dobre na capela que non se asemella a ela, onde houbo festa, houbo morte e hai ofrendas. Un lugar que mira para ti cos ollos límpidos dunha vaca
Cociña da peza
Margarita e Cipriano achegáronse a Chanfainalab con vontade exploratoria e aventureira, tirando dun lene ronsel de augas encantadas. Mais os ollos entrenados e sabios de Margarita Ledo acendéronse ao tomar contacto coa nosa penechaira de Santa Mariña do Monte. Alí debeu sentir o arrecendo da patria da súa infancia e gran parte do seu imaxinario: a Terra Chá: "Para o exercício de Chanfaina Lab eu fun escoller como motivo a parroquia de Santa Mariña do Monte polo que lin na web sobre as ofrecidas á Virxe da Esperanza; porque me lembrou as eiras da Chaira, con castros a redor canda o aquel de fábula na auga para quedares preñada. Nos dous días que andivemos por alí a falar con diferentes persoas regresou ese pálpito, que tamén sinto na Terrachá, de que a palabra, o encontro, a pequena conversa ten moita lei. As xentes son cautelosas no que din. A memoria é concreta. E sobre ela paira unha presenza amábel: a de Ramón Díaz Raña".
"A auga branca" acredita doadamente á frase de Akira Kurosawa de que "a creacion é memoria", porque a peza agroma máis aló do que observamos; alentan nela as marcas autorais da cineasta: os lugares con memoria, a estrutura circular, a voz poética, o plano persoal e o simbólico, os ecos do tempo, as experiencias e vivencias tanto sensoriais como literarias ou documentais que debullan e conforman a voz fílmica de Margarita Ledo:" O modo de traer a Ramón a esta pequena peza foi a través da súa voz, dunha gravación que nos agasalla co recordo seu da Fonte da Esperanza que, coma un bucle, abre e pecha o filme. As miñas referencias foron máis literarias ca cinematográficas. E unha vez e outra pensaba no modo en que Manuel María describiría esta Santa Mariña. El amaba o nome das cousas e quería coñecer todas as parroquias de Galiza. Eu póñolle voz ao que mirei por acó nesta curta e sentida paseata." Así pois, déixense levar polas augas máxicas da Esperanza nesta fermosísima experiencia de viaxe que tenta capturar os arrecendos do tempo e a aura do pasado. Grazas Margarita por poñerlle imaxes, sons e corazón ao que viches na túa Chanfaina.
Equipo
Dirección
Galería
