Biografía
Margarita Ledo Andión xornalista, escritora, investigadora e cineasta. Resulta imposible condensar a súa prolífica traxectoria, unanimemente recoñecida con numerosos premios ou distincións, e considerada como un referente da cultura galega contemporánea. Axitadora política e feminista, coñeceu o exilio durante a ditadura franquista. Doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autónoma de Barcelona e Catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, é autora de numerosos ensaios sobre cinema, imaxe documental e políticas da comunicación. Entre eles, "Del Cine Ojo a Dogma 95" ou "Cine de Fotógrafos", que mereceu o Premio Espais d’Art Comtemporani. Asemade éscribiu ficción como as novelas "Porta Blindada" ou "Mama-fe". Preside e co-preside diferentes asociacións científicas locais e internacionais no eido das Ciencias da Comunicación; é numeraria e arquiveira da Real Academia Galega e socia colaboradora de Numax . Coma cineasta ten realizado numerosas pezas que se articulan sobre a memoria histórica, a liberdade, a emigración ou a muller como as longametraxes "Santa Liberdade"(2004), "Liste, pronunciado Líster" (2007) ou "A cicatriz blanca" (2012). No 2008 recibiu o "Premio Nacional da Cultura Galega" na modalidade cinema e audiovisual. No 2017, o prestixioso premio "Ramón Otero Pedrayo".
