Ciclos
Os ciclos de cinema reúnen programas especiais con pezas do Chanfaina Lab. Combinan sesións comunitarias e gratuítas nos locais sociais de San Sadurniño con propostas temáticas que se presentan en asociacións e festivais de Galicia e tamén poden verse na rede. Unha iniciativa que achega o audiovisual á veciñanza e difunde as historias e a identidade do territorio máis alá das súas fronteiras.

As voces secretas dunha paisaxe salvaxe
Entre pedras e vento
O Forgoselo é un territorio de penedos, cabalos ceibes e historias agochadas. Unha paisaxe que inspira filmes tan diversos como as emocións que esperta.
O pasado segue aquí
As pegadas da gran historia
Das figuras do poder ás voces da veciñanza, a historia constrúese desde múltiples perspectivas. Unha mirada ao pasado de San Sadurniño.
O cinema analóxico como experiencia visual e sensorial.
Outras formas de mirar (2)
O soporte fotoquímico como materia de creación: a luz, o azar e os procesos artesanais transforman o propio filme nunha experiencia visual que explora os límites expresivos do cinema.
Historias miúdas que explican quen somos
Pequenas historias, unha historia
Pequenas historias que gardan a memoria dun pobo e nos axudan a comprender quen somos.
Historias de emocións, perdas e afectos
A vida por dentro
Relatos que exploran a fraxilidade humana e que nos achegan ao que sentimos, ao que calamos e ao que nos une
As historias que explican unha comunidade
Chanfaina itinerante: O cinema social
Un mosaico de filmes que explora o que nos une e tamén o que nos transforma.
Historias de emigración de ida e volta
De aquí e de acolá
A emigración transforma vidas e paisaxes. Unha viaxe entre a ausencia e a pertenza.
Mulleres que toman a palabra e ocupan a pantalla.
Mulleres en primeiro plano
Mulleres que, diante e detrás da cámara, fan da súa propia historia unha forma de liberdade.
O cinema como territorio de experimentación e descubrimento.
Outras formas de mirar (1)
Unha viaxe polo cinema experimental e a videocreación do Chanfaina Lab: imaxes libres, olladas persoais e formas de explorar o mundo alén dos relatos convencionais.
Cando os animais deixan de ser paisaxe e se fan protagonistas.
Animais de aquí
Cabalos, cans, gatos, vacas e pequenas criaturas que comparten territorio e historias coas persoas. Unha ollada ao mundo animal que habita e latexa no Chanfaina Lab.
Doce filmes, mil xeitos de rir.
Comedia: doce maneiras de ollar o mundo con retranca
A retranca converte o inesperado en comedia e o cotián en sorpresa.
O devalar no tempo do traballo e a vida cotián
Os traballos e días (1)
Entre casas, leiras e lembranzas, latexa a vida dunha comunidade que transforma o cotián en memoria compartida.
A música que dá voz á memoria dun pobo
Cando as imaxes soan
A música como fío invisible que une historias, esperanzas e lembranzas: once pezas nas que San Sadurniño soa, canta e se recoñece a través da súa memoria colectiva.
Escolma de pezas sobre o territorio, a memoria colectiva e historias que unen a Neda e San Sadurniño
Arredor de nós
O cinema tece fíos invisibles que unen os lugares, as persoas e a memoria compartida.
Pequenas películas para mirar Naraío a través do cinema
Naraío
O Chanfaina Itinerante fará unha nova parada en Naraío o venres 21 de agosto para compartir o cinema feito na parroquia. A proxección, de aproximadamente 60 minutos, comezará ás 20:30 horas e rematará cun petisco para as persoas asistentes.
Unha escolma de curtas vinculadas á parroquia
Igrexafeita
O Chanfaina Itinerante chega a Igrexafeita o sábado 8 de agosto cunha sesión de curtas relacionadas coa parroquia. A proxección, de aproximadamente 60 minutos, comezará ás 20:30 horas e rematará cun petisco para as persoas asistentes.
Unha sesión de curtas sobre Ferreira e as súas xentes
Ferreira
O Chanfaina Itinerante chega a Ferreira o domingo 9 de agosto cunha sesión de curtas relacionadas coa parroquia. A proxección, de aproximadamente 60 minutos, comezará ás 20:30 horas e rematará cun petisco para as persoas asistentes.
Pezas que recollen a esencia da parroquia
Lamas
O Chanfaina Itinerante chega a Lamas o venres 7 de agosto cunha sesión de cinema sobre da parroquia. A partir das 20:30 horas, proxectaranse curtas rodadas en Lamas ou que contan coa presenza da súa veciñanza, cunha duración aproximada de 60 minutos, e a xornada completarase cun petisco para as persoas asistentes.
Unha mirada ao territorio e a veciñanza
Santa Mariña do Monte
O Chanfaina Itinerante comeza o seu percorrido en Santa Mariña do Monte cunha tarde para compartir o audiovisual. A xornada incluirá contos e merenda comunitaria ás 19:00 e, a partir das 20:30 horas, a proxección de 11 curtas relacionadas coa parroquia, cunha duración aproximada de 90 minutos.
O ciclo "Memoria Democrática" en Valdoviño
Memoria democrática e do territorio
Memoria, territorio e identidade: o cinema como fío que agroma historias que non deben esquecerse.