Ir ao contido principal
Comedia: doce maneiras de ollar o mundo con retranca

Comedia: doce maneiras de ollar o mundo con retranca

Doce filmes, mil xeitos de rir.

A retranca converte o inesperado en comedia e o cotián en sorpresa.

Gripe aviar
Reparto de Gripe aviar

A comedia pode agocharse nunha conversa, nunha personaxe singular, nunha viaxe imposible ou nun acontecemento que desafía toda lóxica. Este ciclo reúne unha ducia de pezas que se achegan ao humor desde camiños ben distintos: documentais, vídeocreacións e curtas de xénero que mesturan retranca, absurdo, ironía, romanticismo e mesmo humor negro.

Do retrato espontáneo da veciñanza ás historias máis insólitas do rural, cada filme propón unha maneira propia de provocar o sorriso e sorprender o espectador. Unha invitación a gozar do cinema sen solemnidades, deixándonos levar pola imaxinación, a complicidade e ese sentido do humor tan noso que converte o cotián en algo extraordinario.

"E logo...? " (Mario Iglesias, 2014) . O cinema tamén pode ser un espello no que recoñecérmonos. Mario Iglesias explora o seu particular “cine esbozado”, un cinema sen guión, aberto á improvisación e construído pola espontaneidade dos actores, neste caso os populares Xulia Gudín e Carlos Cobelo, veciños de Bardaos. Co antigo cine Avenida como pano de fondo, a película transita entre a memoria e a fraxilidade humana, nunha ollada próxima na que a retranca e a complicidade conviven coa nostalxia.

"A bizcochada" (Carlos Quirós, 2015). Hai persoas que non precisan interpretación para encher a pantalla. Vicenta Rego Bouza, veciña de Naraío, protagoniza este documental cunha forza vital, unha espontaneidade e unha humanidade irresistibles. Unha pequena celebración da vida cotiá na que o humor nace da propia realidade e a personalidade da protagonista acaba por conquistar o corazón de calquera espectador.

"Próxima estación, San Sadurniño" (Ángeles Huerta, 2016) E se unha viaxe en tren puidese alterar as leis do tempo e do espazo? Ángeles Huerta converte a liña Ferrol-Xixón nun territorio para o absurdo, a fantasía e o humor retranqueiro. Entre esperas ferroviarias e expectativas imposibles, a cineasta constrúe unha aventura tan insólita como divertida, unha viaxe na que a lóxica queda na estación de saída. A primeira curta cuántica do cinema galego.

"Camiños de Bardaos. (Unha achega ao fenómeno OVNI en San Sadurniño) (Ángel Santos,2014). O misterio pode agardar en calquera camiño, mesmo nos de Bardaos. A partir dun material escaso e dunha cámara accidentada, Ángel Santos constrúe unha singular ficción documental que combina territorio e memoria, coas hipóteses máis sorprendentes. Un exercicio de enxeño e retranca que transforma unha dificultade nunha oportunidade creativa e deixa no aire unha pregunta: e se todo isto fose verdade?

"O pano de seda" (Kevin Lorenzo, 2023). Un misterio no rural, unha intriga que medra e unha boa dose de retranca. Kevin Lorenzo mestura a comedia negra coas claves do teatro popular para construír unha historia que busca entreter e manter a tensión ata o desenlace. Ao seu redor, un amplo reparto de intérpretes locais que demostra que en San Sadurniño hai talento dabondo para enfrontarse aos misterios máis enleados.

"Solposto" (Iago Lourido, 2024). Miguel e Maruxa habitan un lugar onde o cotián parece obedecer a regras propias. A peza propón unha viaxe a un universo singular no que as certezas habituais perden consistencia e a sorpresa pode agardar en cada recuncho. Unha curta difícil de encadrar nunha única etiqueta, que convida a abandonar a lóxica por un intre e deixarse levar pola súa particular e sorpresiva maneira de mirar o mundo.

"Breixo" (Javier Seoane, 2018). O amor tamén ten o seu lugar entre as idílicas paisaxes e as xentes do rural. A peza traslada os códigos da comedia romántica ao rural galego nunha historia de amor, traballo precario e inconformismo que tamén fala das dificultades da mocidade. O corazón, ás veces, tamén sabe tomarse as cousas con humor. 

"Xangal, detective paranormal" (Xoán Rodríguez Caridad, 2024) é unha parodia do cinema negro que mestura misterio, humor e situacións disparatadas. Cunha estética propia, música phonk e espírito irreverente, a peza reinventa o xénero detectivesco desde unha ollada lúdica e contemporánea. Unha historia de investigacións insólitas e personaxes singulares que transita entre o absurdo e a comedia.

"Onde Cristo falou con Rosa" (Pablo Fontenla, 2025). Despois de case unha semana sen aparecer polo pobo, Rosa sae da casa decidida a facer a compra. Un xesto tan común convértese no punto de partida dunha historia na que o humor negro se mestura coa vida dunha pequena comunidade rural. Unha ollada ás situacións e reaccións que poden converter o máis cotián nun episodio inesperado e irreverente.

"O refuxio" (Fran da Lobeira, 2025). Unha taberna, dous radioafeccionados e un descubrimento extraordinario que promete cambiar o mundo. Ramiro «Loibas» e Xosé Ramón «Pielas» reúnense para compartir unha información tan disparatada como inquietante. A conversa abre a porta a teorías conspirativas, documentos sospeitosos e misterios difíciles de crer. Fran da Lobeira constrúe unha comedia negra na que o absurdo e o surrealismo avanzan da man, demostrando que ás veces a realidade máis disparatada só precisa dunha boa historia para parecer posible.

"Gripe aviar" (Teño unha Horta, 2025)  Carmen, Maruxa e Consuelo deciden sacar as súas galiñas a pasear en plena crise da gripe aviar. Unha escena tan insólita como próxima, nacida do gusto por observar a vida e atopar nela motivos para rir. A peza parte dunha intención sinxela e directa: facer algo que lle arrinque un sorriso á veciñanza.

"Vellamorta" (Juan Galiñanes/Andrea Bouzo,2023). O paso do tempo tamén admite unha mirada gamberra. A peza propón unha reflexión que transita entre o humor negro e a ironía, cunha realización e unha montaxe que revelan a profesionalidade dos seus autores. Unha pequena alfaia que combina a reflexión existencial cunha aproximación irreverente á vida e ao seu devir, lembrándonos que mesmo as cuestións máis profundas poden contemplarse desde un ángulo inesperado.

A duración do programa é de 88 minutos. Podes descubrir máis pezas na etiqueta Comedia

Películas do ciclo

12 películas