Sinopse
Solposto é un lugar ben curioso. Acompañamos a Miguel e Maruxa no seu día a día como residentes da localidade.
Cociña da peza
Para a Chanfainalab é un orgullo que aquel grupo de cativos que crearon as súas primeiras pezas durante a ESO continúen participando, agora dende unha mirada estilizada, e amosando unha madurez creativa impresionante, como é o caso de Iago Lourido. Nesta edición integrouse no equipo de cociña da Chanfainalab e participou no desenvolvemento de varias pezas como "Mírame" de Kevin Lorenzo, "Maldito espírito" de Carlos Martinez-Peñalver ou "Notas para unha intervención" de Cora Peña: "A idea xurdiu precisamente noutra rodaxe, unha compañeira que tivera relación fai tempo con San Sadurniño, contoume a historia de que, cando ela tivera que visitar as diferentes localidades do concello, descubrira en Solposto unha parella de anciáns que vivían xuntos sen ser realmente parella, só polo mero feito de non vivir en soidade. Isto, sumado á maxia que evoca o nome Solposto, fíxome imaxinar as diferentes situacións que poderían acontecer do día a día aos dous únicos habitantes de Solposto. Inicialmente a peza ía a ser algo máis documental e cotián, pero aos poucos foise convertendo nunha mestura de historias surrealistas, influenciada por filmes coma “Kinds of Kindness” de Yorgos Lanthimos, e esa división nunha especie de capítulos que comezaban con diferentes títulos coloridos, ou o videoclip “Tailor Swif” de ASAP Rocky, que tamén é un conglomerado de elementos estético/surrealistas. A peza tivo unha complexa preprodución, moitas horas localizando, unha intensa procura do material de arte (xa que cada historia tiña elementos especiais) e unha organización milimetrada, sobre todo para facilitar aos protagonistas unha rodaxe acaída, cousa que foi difícil pola chuvia, os horarios, a luz, etc. Finalmente todo saíu tal cal estaba deseñado agás a eliminación dunha secuencia guionizada por mor da desaparición da localización (un milleiral que cortaron)”.
"Solposto" é unha peza orixinal e sorprendente. César Galdo escrebe que "sen pretendelo e, segundo asegura, sen ter referencias previas, Iago fixo un audiovisual que arrecende no formal a David Lynch ou, máis próximo a nós, ao Dhogs de Andrés Goteira. Un deseño de produción coidado até o último detalle, unha fotografía -a súa especialidade- meditada e milimetrada, un tratamento da cor e da luz que non se deixou á casualidade e unha montaxe á que non lle sobra nin lle falta ningún fotograma, son os ingredientes para unha peza abraiante da que cadaquén pode tirar as súas propias conclusións".
“A verdade è que fiquei moi contento, a peza quedou igual a coma a imaxinaba, algunhas partes mellor e outras peor, pero todas compensándose para dar lugar á obra que tiña en mente. O meu principal obxectivo con "Solposto" era crear un momento divertido, ameno e intrigante para o espectador, que fose algo lixeiro de ver pero que á vez, lle dera ganas de seguir vendo, coma pequenos capítulos dos que quixeras darte unha enchenta. Tendo a ser moi crítico co meu traballo, e obviamente vexo pegas no proceso de rodaxe e o resultado final, pero sendo obxectivo, cos escasos medios dos que dispuña, penso que tanto eu coma o equipo o fixemos o mellor que puidemos, dando lugar a esta obra, que realmente faime sentir orgulloso, de ela, e de ser o seu director”.
A peza é un singular artefacto de estilo que pon na retina das persoas espectadoras a fascinación que producen as creacións singulares construídas mediante un traballo visual exquisito. Hai que suspender o pensamento racional e viaxar cara o universo propio deste novísimo director por dereito propio.
Equipo
Galería
