Sinopse
Maruja goza dunha boa vida en San Sadurniño, pero todo se acaba
Cociña da peza
Juan Galinañes e Andrea Bouzo tiñan unha morea de ideas na cabeza cando chegaron a San Sadurniño, mais foi nun xantar onde atoparon a idea definitiva da que tirar: "chegamos a San Sadurniño logo de aclarar un rebumbio de ideas e cunha proposta bastante clara, pero cambia todo no primeiro xantar, cando sae na conversa o lugar de Vellamorta e a posible razón do seu nome. O máis evidente, que alí tivo que morrer algunha vella. Levábamos cámara e tiñamos o lugar para a posta en escena, só nos faltaba a vella. Aí apareceu Maruja.
Por suposto, hai tantas maneiras de vivir como persoas neste mundo, pero a vida de Maruja, tranquila e con todas as súas necesidades cubertas, parecíanos perfecta para transmitir esa mensaxe e tamén a realidade dun entorno que se presta como un lugar perfecto para iso tan básico como é vivir. A idea era facer unha peza muda, pero traballando con ela démonos conta de que tiña que poñer tamén voz á historia, polo que mudamos o formato e decidimos gravar unha entrevista. Queríamos contar unha historia sinxela, aproveitando ben o pouco tempo que tiñamos para facelo e ser xustos tamén coa sensación tan marabillosa que tiñamos co equipo de cociña do ChanfainaLab e os veciños, afanados en tratar de conseguir todos os ingredientes da nosa receita.
O demais fíxoo San Sadurniño, co seu ambiente pausado e tranquilo. Pola contra, nós tivemos que correr. Así que esa intensa fin de semana de gravación dedicámonos a pasalo ben e aproveitamos moito o tempo. E iso, o vivido, é o que nos levamos".
"Vellamorta" é un pequena alfaia con toques de humor negro, unha peza onde Juan e Andrea amosan dabondo a súa acreditada mestría profesional -nomeadamente na arte da montaxe-: "Gústanos chancear con que Vellamorta é unha profunda reflexión sobre a vida e a morte, pero en realidade, parécenos que a conclusión da peza é incuestionable e abraiante: Estamos aquí e cando morremos non hai máis. Intentamos que todas esas sensacións estiveran no prato, amosando un lugar cheo de paz, benestar, onde soa a natureza, onde divertirse, reflexionar e vivir experiencias. Esas sensacións tiñan que estar aí como retorno da experiencia para a xente de San Sadurniño. Como di Maruja: “Aquí non imos quedar”. Nós sabemos que en algún momento deixaremos de estar aquí, pero polo de agora aínda estamos."
Pois iso, gozade desta pequena gran peza, perpetrada con humor gamberro, mais de xeito redondo e solvente por esta parella de cineastas de Cambados. De seguro ides botar unhas risas.
Equipo
Dirección
Música
"Winter" de Alexander Nakarada e "Adict" de Neffex