
Se algo parece imposible, absurdo ou fóra de lugar, pode ter cabida neste ciclo. Historias que atopan no insólito a súa razón de ser

O denominado cinema bizarro escapa ás clasificacións convencionais e á lóxica narrativa habitual. Caracterízase por propostas insólitas, extravagantes, surrealistas e, ás veces, transgresoras, nas que se mesturan o humor absurdo, o surrealismo, terror, fantasía, o cinema de culto e a experimentación audiovisual.
Este ciclo reúne trece pezas que exploran diferentes maneiras de rachar coas regras e sorprender ás persoas espectadoras. Desde parodias e situacións disparatadas ata relatos inquietantes, universos oníricos e xogos visuais; as obras transitan por territorios pouco convencionais, onde o inesperado forma parte esencial da experiencia.
Unha escolma heteroxénea na que conviven cineastas profesionais e afeccionados, con propostas híbridas moi diversas unidas pola liberdade creativa, a imaxinación e o gusto por levar as historias máis alá do previsible.
A duración do programa é de 85 minutos















