Sinopse
A desaparición recorrente de animais crea confusión nunha familia de gandeiros. Malia non seren capaces de atopar un motivo lóxico para as desaparicións, o día a día segue o seu curso
Cociña da peza
Cando comezou a deseñar a peza, Bieito non tiña moi claro por onde tirar: "Lembrei que as vacas son uns animais moi particulares, polo que pensei gravar varias tomas do seu comportamento e seleccionar as partes máis interesantes case ao xeito dun documental de natureza. Mentres revisaba o material gravado acordeime de varios filmes nos que as vacas son abducidas pola noite nas granxas, e ocorréuseme facer algo parecido. Así, podería seguir gañando práctica co modelado 3D e a integración dos efectos especiais, ámbitos cos que me iniciara na anterior entrega do Chanfaina Lab con "Reparacións interdimensionais". A secuencia que me resultou máis difícil foi a escena da abdución, xa que nun principio quería animar toda a situación. É dicir, quería que se vise como a vaca era atraída polo OVNI e como despois, este fuxía cara ao espazo. Porén, a toma gravada non era o suficientemente longa e non fun capaz de modelalo todo ao tempo. Esta escena tamén prantexome dúbidas durante a montaxe, pois non sabía en que parte da peza podería encaixar mellor. Finalmente, decidín pospoñela para o derradeiro momento".
En "As vacas desaparecidas", Bieito segue a apostar polo relato breve, con ese punto de humor retranqueiro característico de Bardaos e que se agocha baixo a capa de boa xente moi apreciable na súa magnífica interpretación na curta de Xavier Villaverde "Interxeneracional". " A miña intención foi a de crear unha curta de suspense, aínda que non sei se o conseguín. Un dos seus defectos estaría relacionado co son, xa que ao realizar a peza decidín non elaborar unha banda sonora que acompañara á narración. Visto o resultado, considero que tería axudado a transmitir máis emocións. Mais en resumo, malia as complicacións mencionadas previamente, penso que o resultado foi moderadamente bo. Por suposto, Bieito, as persoas que visionen a peza van ficar cun sorriso de orella a orella.
Equipo
Dirección
Galería
