Ir ao contido principal
Foto cineastas VII Chanfaina Lab

Sobre esta edición


Despois destes dous anos difíciles baixo a ameaza da pandemia, na fin de semana do 1 ao 4 de setembro do 2022 recuperamos de novo a marabillosa experiencia audiovisual do Chanfaina Lab: un encontro de cineastas que pon en valor o territorio do concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semana unha película coa duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural e as súas xentes, a emigración, a memoria histórica, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
Outro dos sinais de identidade da Chanfainalab é o de ser un "revolto de cousas diversas"; por iso procura a diversidade dos/as participantes segundo idade, xénero, formación ou experiencia d@s cineastas para que o encontro sexa un tempo fecundo, onde se intercambien ideas, experiencias e capacidades. Entre os creadores/as que participan coa súa cámara, máis do 60 % dos participantes son autores/as naturais ou veciños de San Sadurniño: Dende menores de vinte anos como Andrea Fernández(2004); Andrea Pena (2004); Paula Vilariño (2004) ou Pablo Martínez (2004), ata a mocidade inqueda de Naraío: Brais Varela, Iago Varela, Brianda García, Antonio Fraga, Geray Arnosa, Ricardo Noval, Óscar Torrente e Verónica Castrillón que participan baixo a marca NaraioMedia. Tamén contamos con novas promesas recentemente tituladas en Belas Artes ou Audiovisual como Raquel Álvarez (1998),Sofía Naseiro (1996), Claudia Pineda (1995), Ariadna Silva (1996) e a científica Ángela Arnosa (1996). Asemade, como nas edicións anteriores, participan un grupo de profesionais con experiencia dabondo en ámbitos diversos do audiovisual como a cineasta e montadora Iria Silvosa (1992); o actor Kevin Lorenzo,(1991), a xornalista e creadora Ary López (1987), a videopoeta Celia Parra (1990), os experimentados directores Dani Viqueira (1983); Alberto Gracia (1978);Rubén Coca (1977); Toño Chouza (1979), o documentalista , Domingo Díaz (1967) e o pioneiro do cine galego moderno, o grande Xavier Villaverde (1958). Completa a listaxe un grupo de veciños e veciñas, tamén cineastas, que todos os anos achegan a súa xenerosidade e talento a esta experiencia singular: o veterano de Igrexafeita Abel Vega (1958), o "adoptado" na Lobeira Fran da Lobeira (1978), o afouto mozo de Ferreira Roberto Bouza (1979), as famosas labregas de "Teño unha horta en San Sadurniño", (Consuelo Picos, Cruz Piñón, Carmen Couce e Carmen Bouza) e as divertidas "donas" de The Sungirls, (Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo).

OBRADOIROS
Ademais do Encontro de Cineastas e as proxeccións gratuítas, desenvolveranse dous obradoiros tamén con entrada de balde.
Xoves, 1 (de 9:00 a 15:00h.): Fran X Rodríguez: Obradoiro de montaxe "Corte a corte", eficaz montador e director de numerosos títulos do cinema e o audiovisual galego
Venres 2 (de 9:00 a 15:00h.): David Machado: Obradoiro de son “Isto non se arranxa na posprodución”, gañador dun Goya e oito Mestres Mateos polo seu traballo co son e considerado como un dos profesionais máis sobranceiros da dirección do espazo sonoro na produción audiovisual galega.

EXPOSICIÓN "20 ANOS DE O BOSQUE ANIMADO"
Exposición na Galería da Casa do Concello celebrando os "XX anos de O bosque animado", primeira película europea en 3D. Inauguración o venres día 2 as 18:45h. coa presenza do seu director e produtor Manolo Gómez. Permanecerá aberta ata o 30 de setembro. Descarga o folleto aquí

PROXECCIÓNS GRATUÍTAS

  • Xoves 1 as 19:00h. : "A paisaxe humana de San Sadurniño". Proxección de pezas singulares protagonizados por homes e mulleres de San Sadurniño: OCULTAS NA PAISAXE (2017) de Sabela Pernas, CRUZ PIÑÓN (2015) de Xisela Franco, A BIZCOCHADA (2016) de Carlos Quirós, CAFÉ BAR SANTOS (2015) de Sonia Méndez, MATÍAS (2016) de Sandra Sánchez, A CASA (2018) de Carlos Viana, POIS ISO, QUE TE QUERO (2017) de Beatriz del Monte, MBEMBA EN SANSA (2020) de Luís Avilés, IRMANDADE (2019) de Samuel Delgado/Helena Girón, NON TEÑO DONO (2019) de The Sungirls.
  • Venres 2 as 20:30h.: "Eira de cineastas". Proxección de pezas de cineastas asistentes presentadas polos creadores e creadoras:
  • Sábado 3 as 20:30h.: "Gran Chanfaina""Malencolía" de Afonso Zarauza, coa presenza do director.
  • Domingo 4 as 19:00h.: "O ronsel da Chanfaina": Últimas pezas curtas realizadas por cineastas que participaron na Chanfainalab en edicións anteriores: O FUTURO É DAS CABRAS (2022) de Oliver Laxe, ATALAIA/PIUEIRO (2022) de Xisela Franco, ROMPENTE (2022) de Eloy Domínguez, AUGAS ABISAIS (2020) de Xacio Baño, O NIÑO DOS PAXAROS (2022) de Lucía Estévez.

O evento está organizado polo Concello de San Sadurniño e a Aula Cemit. O encontro está patrocinado pola Deputación de A Coruña e o Concello de San Sadurniño.
Podes acceder a toda a información descargando o catálogo completo de actividades e biografías d@s cineastas participantes ou a través das nosas redes sociais:





Historia do cartel

O cartel da VII edición está inspirado na estatua de Navia, a deusa das augas as beiras do río. A figura de Navia aparece mirando ao solpor cunha man estendida na que porta unha cunca, mentres que aos seus pés vemos a proa dunha barca na que parecen viaxar varias caveiras, que virían representar as ánimas viaxando cara o Alén. Coidamos que deusa tan poderosa será unha eficaz potenciadora da creatividade para cineastas tras do tempo da pandemia e ao mellor tamén contribúe a paliar a seca. O creador do cartel é o propio escultor do monumento a Navia, o popular artista local Carlos García Romero-

Deusa Navia 2022


Galería

Películas desta edición

22 películas