Biografía
Celia Parra ten a lingua dividida en dúas linguaxes, a poética e a audiovisual. A metade poeta é autora de No berce das mareas e Pantallas; pola súa obra recibiu varios recoñecementos, foi traducida a diversas linguas e incluída en múltiples antoloxías de poesía contemporánea. A metade audiovisual especialízase en produción no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e traballa en produtoras como Setembro Cine, Esferobite, Frida Films ou Vaca Films, ademais de coordinar durante algúns anos a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). As súas pezas como videopoeta acadaron numerosos premios e seleccións en festivais internacionais. É creadora da idea orixinal e produtora executiva do documental experimental Versogramas , dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, considerado o primeiro sobre o panorama internacional da videopoesía. Versogramas ten tamén unha edición en libro-DVD (Galaxia, 2018) e un proxecto transmedia desenvolvido xunto con Juan Lesta e Belén Montero. Ás veces, Celia morde a lingua, mestúranse as metades e xa non sabe en que está falando. Así que intenta seguir pouco a pouco traballando e aprendendo a falar -ou a trabarse- mellor.
