I Chanfaina Lab
2014
O primeiro Chanfaina Lab converteu San Sadurniño nun espazo de creación audiovisual colectiva, convidando a cineastas galegos e galegas a descubrir o territorio, as súas parroquias, a súa paisaxe e a súa memoria a través de curtametraxes libres e innovadoras gravadas nunha mesma fin de semana.
Encontro: 6–7 de setembro de 2014 · Gala: 17 de xaneiro de 2015
Sobre esta edición
Durante a fin de semana do 6 ao 7 de setembro do 2014 celébrouse en San Sadurniño o 1º Chanfaina’Lab, unha novidosa experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes gravaron entre o sábado 6 e o domingo 7 unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, converteron a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.
Entre os creadores/as que se achegaron á San Sadurniño coa súa cámara figuran autores/as relevantes do audiovisual galego como Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Angel Santos Touza, Ánxela Caramés, Beli Martínez, Felipe Lage, Guillermo Arias-Carvajal, Jaione Camborda, Juan Lesta&Belén Montero, Marcos Nine, Mario Iglesias, Otto Roca, Sonia Méndez, Victor Hugo Seoane, Xacio Baño, Xisela Franco, Xosé Manuel Sande, Xurxo Chirro ademais de autores/as de Ferrolterra como Pablo Portero, Miguel Noval, Cesar Galdo, Ary López, Fer Patiño, ou Brais Breijo. O fotógrafo Gabriel Tizón fixo un seguemento visual e persoal do evento e Ana Lamas cociñou persoalmente a chanfaina ao "estilo Igrexafeita" para os/as participantes.
Así valoraron as creadoras e os creadores a experiencia da Chanfaina'lab:
As xornadas foron organizadas pola concellaría de cultura do Concello de San Sadurniño e contou coa colaboración de Casa Outeiro, Hostal Carballo, Mesón A granxa, Muiño do Pepe e Café Dzine.
O encontro de cineastas tivo unha especial relevancia en diversos medios estatais (El País, ABC), galegos, Noticieiro galego.com), e locais (Ferrol 360º, así como nas plataformas do sector audiovisual galego: Consello da Cultura Galega. Asemade varios blogs e redes sociais fixéronse eco do evento como Infogauda.
A chanfaina'lab retornou o 17 de xaneiro do 2015 coa estrea dos filmes gravados en setembro. Podes ver todas as pezas realizadas aquí: Chanfaina’Lab
Algúns dos temas nos que matinaron os/as cineastas son estes:
Aquí podes ver a fermosa promo realizada polo fotógrafo, director e xornalista César Galdo:
Historia do cartel
Un dos sinais da nosa identidade visual é reflectir na imaxe gráfica aspectos singulares do patrimonio material ou inmaterial de San Sadurniño no devir do tempo. O cartel desta edición inspírase nunha imaxe de Pumariño, unha publicación que foi moito máis ca unha revista na década de 1970: a voz crítica, participativa e retranqueira dun San Sadurniño que espertaba á democracia. Nesta ocasión, o cartel inspírase na descrición gráfica do Concello coma a roda dun carro e os seus radios coas sete parroquias: Bardaos, Monte, Lamas, Naraío, Ferreira, Igrexafeita e San Sadurniño.
A revista Pumariño, nacida en marzo de 1976, foi unha publicación fundamental para recoller a vida social, cultural e política de San Sadurniño durante os anos da transición á democracia. Ao longo dos seus 50 números, deu voz ás sete parroquias do concello desde unha mirada informativa, crítica e participativa, converténdose nun documento imprescindíbel para comprender aquel tempo de cambios, ilusións e novas formas de implicación cidadá.

Detrás daquela iniciativa estaba Ramón Díaz Raña, xunto cun grupo de persoas comprometidas coa necesidade de abrir espazos de información e debate nun momento no que a sociedade comezaba a mudar con rapidez. A revista naceu cunha vontade clara: achegar á veciñanza información útil, plural e próxima, afastada do partidismo, pero atenta á realidade social e política do momento.
O propio Ramón Díaz Raña lembraba que a principal preocupación era informar e favorecer a participación da xente, especialmente dunha cidadanía que viña de décadas de silencio, marxinación ou adoutrinamento. Esa intención converteu Pumariño nunha ferramenta de comunicación local moi avanzada para o seu tempo, cunha mirada posta no común e no papel activo da veciñanza.
A publicación tamén destacou polo seu espírito crítico, retranqueiro e libre, unha actitude que non sempre foi ben recibida por determinados sectores, especialmente polos poderes locais da época. Esa ollada incómoda, pero necesaria, forma parte hoxe do valor histórico da revista e axuda a entender mellor as tensións e esperanzas daqueles anos.

Ao longo da súa traxectoria, Pumariño contou coa colaboración de numerosas persoas con inquedanzas culturais, sociais e políticas, entre elas Marián Arroyo, Rexina Cinza, Miguel Sanjurjo Sixto, Pepe Gudín, María Teresa Pouso, Luís Fernández Prieto, Manuel Sixto, Manolo Rico ou Manuel José Lamas Soto, entre moitas outras voces que contribuíron a facer da revista un proxecto coral.
Na actualidade, a colección completa pode consultarse grazas á edición dixital realizada pola Asociación Cultural O Castelo de Naraío no ano 2014, un traballo que permite recuperar e poñer en valor unha publicación imprescindíbel para coñecer a memoria recente de San Sadurniño.
Podes consultar toda a información e a historia do Pumariño e descargar todos os números publicados na web Fálame de San Sadurniño aquí: "Nace o Pumariño"
Galería
Cineastas convidados/as
19 cineastas

Alberte Pagán
Carballiño
Alfonso Zarauza
Santiago de Compostela
Ángel Santos
Marín
Ary López
San Sadurniño
Belén Montero
Zamora
Brais Breijo
Ferrol
Gabriel Tizón
Ferrol
Guillermo Arias-Carbajal
Madrid
Jaione Camborda
Donosti
Juan Lesta
A Coruña
Marcos Nine
Illa de Arousa
Mario Iglesias
Pontevedra
Otto Roca
A Coruña
Pablo Portero
Ferrol
Sonia Méndez
Vigo
Víctor Hugo Seoane
Vigo
Xacio Baño
Xove
Xisela Franco
Vigo
Xurxo Chirro
A Garda