Sinopse
Buscando a pegada da deusa Navia atopamos o que queda de nós cando marchamos ao alén
Cociña da peza
Fun a San Sadurniño con varias ideas de videopoemas, e alí acabou cristalizando unha delas. Como punto de partida, quixen ir en busca da pegada da deusa Navia en San Sadurniño. Non me interesaba rexistrar as manifestacións tanxibles que hai erixidas na súa homenaxe, senón imaxinar unha certa presenza incorpórea da deusa e enchouparme dela.
Busquei previamente localizacións que me permitisen xogar con dous conceptos. Por unha parte: o movemento da luz e o movemento da auga, por ser, sobre todo esta última, a materia prima que máis directamente encarna á deusa. Por outra parte: espazos aparentemente baleiros onde a acción xa non está, lugares vitais de paso e encontro nos que quedase dalgún xeito patente esa ausencia humana, coa intención de poboalos de ecos a modo de presenza audible do que xa marchou. Plantexei a rodaxe con encadres amplos, cámara fixa e tomas largas, nas que se apreciase un movemento interno máis ou menos intenso de elementos naturais.
Unha vez en San Sadurniño, e con iso en mente, aínda que me cinguín bastante ao plan inicial, o proceso consistiu máis ben en deixarme levar. Gravei nas localizacións que buscara e atopei outras novas por casualidade ou deixándome aconsellar polo Equipo de cociña da Chanfaina. Sempre me gusta deixar espazo á experimentación e ao xogo durante a gravación, así que aproveitei a liberdade da fin de semana para facer moito ensaio-error. Despois, en montaxe desbotei moitos (moitísimos) planos, abandonei metáforas visuais que me gustaban pero non acababan de funcionar e acabei cunha selección mínima daquelas imaxes que para min tiñan máis forza.
O poema que fai de fío condutor da peza é unha exploración persoal arredor dos atributos aparellados a esta deidade precristiá: Navia a protectora, Navia a deusa das augas das que abrolla a fertilidade, pero tamén Navia a barqueira que leva as ánimas ao alén. Unha das fontes que empreguei como referencia á hora de escribilo foi "Mariña, de deusa a santa", de Rafael Quintiá Pereira (Galaxia, 2017). Tamén lle botei un ollo ao libro V de "Os Eoas", de Eduardo Pondal (Galicia Editorial, 1992), por aparecer referenciado na escultura de Navia que esculpiu Carlos García, ubicada xunto ao Pozo dos Donceis, no Arboreto. Aínda que nas miñas pezas adoita ocorrer o contrario, neste caso o poema veu despois da imaxe, acomodouse ao resultado da investigación e ao fluír da montaxe. Nesta peza interesábame darlle moito peso ao espazo sonoro, para o que contei coa axuda de Alejandro Almau. Traballamos coa idea de crear unha textura calmada entre atmosférica e acuática, que tivese moita presenza e fluíse acompañando á imaxe pero con entidade propia. Construímola mesturando sintetizadores, desnaturalizando dixitalmente sons orgánicos e entretecendo algúns sons ambiente".
"Un rastro de luz" procura aquilo que define a poesía dende o principio dos tempos: que o espectador/a deixe levarse pola maxía da beleza de palabras e imaxes nunha fermosa aventura exterior e interior: o resultado é un videopoema breve que, ademais de xirar arredor da deusa Navia, contén unha reflexión sobre o que queda de nós cando marchamos: un rastro de luz prendido na memoria dos outros. Un concepto que, para min -e oxalá tamén para quen vexa a peza-, penso que pode reflectirse dalgún xeito no plano final: “ánimas” que a corrente non arrastrou de todo, “estreliñas"” brillantes crepitando sobre o ceo das augas". Grazas Celia por estes tres minutos máxicos e intensos de poesía visual.
Equipo
Dirección
Galería
