Ir ao contido principal
Fran da Lobeira

Fran da Lobeira

1978Neda

Creador inquieto e polifacético que fai da creación audiovisual e dixital unha paixón vivida con humor, talento e moita personalidade.

Biografía

Fran Da Lobeira é un tipo ecléctico, guitarrista e debuxante amador, gravador e montador de vídeo vocacional, youtubeiro e twitcheiro paixonal e militar de profesión... un auténtico home-orquestra.

Fran da Lobeira militante activo do lugar da Lobeira (parroquia de Monte), é creador e produtor audiovisual nas súas canles en redes sociais, “community mánager” amateur, presidente da asociación Obradoiro Dixital Galego (asociación de creadoras de contido en galego e en liña) e cineasta afeccionado. Actualmente, ademais das súas canles poden verse os seus comezos no catálogo do Chanfaina lab e algún que outro vídeo nas canles de Youtubeiras ou do Consello da Cultura Galega.

As súas pezas realizadas para o Chanfaina lab dan boa proba do seu talento e evolución ao longo do tempo: "Quixera" (2015), "Sentimentos" (2016) , "O enxerto, a bicicleta e o helicóptero" (2017), “Fíxose a luz” (2018) ,“Trae” (2019), “Eu, a escola” (2024) e "The Brinqueta" (2025) . Dende o ano 2023 forma parte do equipo de cociña do Chanfaina Lab.