Sinopse
Retrato de Luís da Lobeira a través de tres momentos da súa vida
Cociña da peza
Nesta ocasión, o espírito inquedo e prochanfaineiro deste "lobeirés venidero" levouno ata a paisaxe humana da súa aldea, escollendo un dos seus 15 veciños, Luís Vergara, (A Lobeira,1936), viúvo de Delfina Pita Muíños, sen parte dunha perna por un accidente na canteira da Mourela de Neda, cun fillo morto hai dous anos e que andivo emigrado en Suiza como albanel ou en París nunha cadea de montaxe da Citroen. Fran non pode agochar a súa admiración por "Luís da Lobeira”: "Luís recórdame o que me está a pasar a min mesmo como emigrante. Foi un home capaz de vivir e traballar na Suiza e Francia sen falar o idioma e que ademais tivo unha vida moi dura e difícil. De primeiras, sairíame unha historia moi triste. Mais apeteceume contar unha historia alegre, amosando outros aspectos do personaxe. Por iso, da longa gravación que lle fixen na cociña da casa, onde me contou toda a súa vida, seleccionei tres anécdotas divertidas e ledas"
En"O inxerto, a bicicleta e o helicóptero" Fran focaliza o relato nun home que está afeito a ver todos os días e que xa forma parte da paisaxe da Lobeira. O filme vai na procura do protagonista e o seu entorno, mais tamén da experiencia interior do propio cineasta. Partimos de escenas rutinarias e cotiáns que se repiten día tras día -como a chegada do pan e o almorzo- para achegármonos ata tres historias que a bonhomía de Fran considera reveladoras: o home que o sabe todo sobre os enxertos mais nunca enxertou, unha aventura coas bicicletas e a visita dun helicóptero ás terras da Lobeira. O obxectivo amable de Fran procura que a veciñanza da Lobeira mire con agarimo e curiosidade ao seu veciño: "Non conto a historia de emigración e vida dura de Luís, senón algo así como "riámonos con Luís e non nos riamos de Luís ". Coñecer a parte máis descoñecida deste veciño da Lobeira e poñelo en valor". A chanfainalab e a veciñanza da Lobeira seguen a agardar máis filmes de Fran Bermúdez nas vindeiras edicións desta experiencia colectiva que procura implicar a veciños e veciñas de San Sadurniño na creación audiovisual e crear comunidade
Equipo
Dirección
Galería
