Sinopse
Hai historias que os pobos prefiren esquecer, sucesos que se transforman en lendas, pero que por moita terra que lle boten enriba , rematan por aparecer de novo, antes ou despois. Esta é unha desas historias
Cociña da peza
Fernando Cortizo é un dos valores máis sólidos do audiovisual galego e veu a Sansa cos deberes feitos. Durante as semanas previas mergullouse na documentación histórica de San Sadurniño até que deu co filón que procuraba e escribiu un guión pechado: "Consultei dabondo a hemeroteca da zona na rede, daqueles tempos en que se falaba de "San Saturnino" e no que a vida social da Marquesa ocupaba todas as portadas e atencións xornalísticas a respecto desta vila. De súpeto, e case por azar atopeime cunha truculenta historia de 1904 que incluía roubos nocturnos de gatos, alteración da paz da poboación e un fatal desenlace. A noticia ocupou a atención da prensa durante varios meses no que se facían especulacións e seguíase con interese o xuízo. Con todo elo, decidín recuperar esa historia dándolle ese punto épico e literario co que se crean as lendas e os contos das lareiras. Para poñer en imaxes esa historia, contei con apoio de gran parte da poboación do lugar -46 veciños e veciñas- que colaboraron para reconstruír esta historia, que é súa, e que eu simplemente contribuín a impregnar dun feitío de conto local".
"A gatiñeira de San Sadurniño" é un marabilloso exemplo de como transformar un feito histórico en lenda popular contemporánea. Unha historia verídica, alterada polo devalar do tempo e narrada colectivamente por un extraordinario número de veciñas e veciñas que participaron xenerosamente no seu relato. En si mesmo é un arquetipo de filme participativo e singular que agroma autenticidade e humor retranqueiro: "Finalmente o proxecto transformouse nun mini “Mocumentary” (Un falso documental,….ou non). Interésame moito comprobar como unha historia de ficción apoiada estratexicamente por documentos ou testemuñas reais, transformase na nosa cabeza nun suceso real, e se crea, co paso dos anos, o nacemento dunha lenda local que incluso nuns anos darase como certa (aínda que iso teremos que agardar para comprobalo).O traballo fíxose con moito agarimo, e máis aló dos problemas que ten gravar todo en dous días sen tempo de buscar os mellores entornos e poder ensaiar cos actores, o resultado resultou natural e xenuíno, outorgándolle unha credibilidade que estou seguro a máis de un daralle por buscar a historia nos arquivos e nas hemerotecas". En resumidas contas, ídelo pasar moi ben con esta peza singular e extraordinaria do gran cineasta Fernando Cortizo. Garantimos sorrisos á esgalla.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Produción
- Isabel Rey
- Produción
- Fran da Lobeira
- Produción
- Ángela Arnosa
- Equipo
- Lucía da Lobeira
Galería
