
Manolo González
1955A Rúa (Ourense)
Corenta anos tecendo a historia, o presente e o futuro do audiovisual galego.
- Roles nas películas
- Interpretación
Biografía
Manolo González, licenciado en Psicoloxía na Complutense de Madrid, é un activista do cinema e o audiovisual galego dende hai corenta anos en diferentes iniciativas do eido industrial, educativo ou institucional. O seu pai, proxeccionista no Cinema Avenida da Rúa (Ourense), acendeu sen querelo a paixón polo cinematógrafo que o acompañará no devalar da vida, dende os cineclubes en A Rúa, Compostela e Madrid ata as primeiras experiencias en Galicia de "vídeo nas aulas" no IFP de Allariz arredor de 1982.
A formación audiovisual será outra das súas teimas: creador e director da Escola de Imaxe e Son de A Coruña (1990-1998), profesor de produción na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e no Master de Produción e Xestión Audiovisual en Coruña dende a súa fundación en 1997 ata 2025, impartindo o módulo “Desenvolvemento de proxectos audiovisuais”. Tampouco faltaron participacións nos eidos da produción audiovisual en curtametraxes e series documentais de TVG como Encontros, Don Ramón de Trasalba, Galicia no cine, A mellor TV do mundo ou Extramuros, entre outros. No 2004-2005 foi responsable da área de desenvolvemento da produtora de animación Dygra Films.
No eido institucional dirixiu a área de cine e vídeo na D.X.C. da Xunta de Galicia de Luís Álvarez Pousa, organizando as primeiras axudas públicas ao cinema e vídeo galegos e a posta en marcha do Arquivo da Imaxe de Galicia en 1984, coordenando también o innovador programa A imaxe na escola.
Anos despois, tamén será o creador e director da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (2005-2009), impulsando proxectos senlleiros daquela, como as Axudas ao talento, Cinemas Dixitais, Flocos TV -Mestre Mateo 2009- ou Memoria do século XX. Foi membro das comisións de valoración das axudas do Ministerio de Cultura e o IVC en diferentes convocatorias durante varios anos, ata o bienio 2021-2022.
Asemade desenvolveu tarefas de investigación e catalogación dos cinemas galegos e a memoria audiovisual da emigración con publicacións e traballos de campo en Arxentina, Uruguai, Venezuela, México e Cuba. Entre outros, publicou “Documentos para la Historia do cine en Galicia (1970-1990)”, “Nos días encantados de agosto” (2022), premio 2023 de ensaio “Losada Diéguez” ou “O benshi de Galicia” (2023), finalista dos premios Rosalía de Castro 2024, “Memoria e melancolía. O cineísta Bernardino de Lamas” (2025), así como numerosas colaboracións en libros colectivos, conferencias, folletos e artigos, nomeadamente sobre patrimonio, formación, política audiovisual e cinema da emigración. No 2025 recibiu o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de cine e audiovisual.
Foi galardoado en varias ocasións nos premios do audiovisual galego “pola súa contribución ao desenvolvemento do audiovisual galego” nos premios de Agapi, Crea, Mestre Mateo, Leixaprén, Premio AISGE, Xociviga, etc. Na actualidade, axuda a impulsar o encontro de cineastas “Chanfaina Lab” en San Sadurniño (2014-2025), XI premio “José Sellier” da Academia Galega do Audiovisual (2022)
Filmografía en Chanfaina Lab
1 película