Ir ao contido principal
Memoria democrática e do territorio

Memoria democrática e do territorio

O ciclo "Memoria Democrática" en Valdoviño

Memoria, territorio e identidade: o cinema como fío que agroma historias que non deben esquecerse.

O 10 de xuño do 2026, a Casa de Cultura do Concello de Valdoviño proxecta diferentes traballos audiovisuais sobre memoria democrática e memoria do territorio realizados para o Chanfaina Lab ao longo da súa traxectoria. O ciclo componse coas pezas: "Casa Torina" (Ana Moreiras, 2019), memoria dun espazo comercial; "Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña" (María Yañez, 2019), memoria dun evento popular; "Eu, a escola" (Fran da Lobeira, 2023), memoria das escolas; "Alicia no país do esquecemento" (Irene Pin, 2025), memoria musical; "Historia do Cisne, o atún e a troita" (Teño unha horta, 2017), memoria vivida dunha fábrica; "A Marquesa e o Pazo", memoria do poder en San Sadurniño; "A gatiñeira de San Sadurniño", (Fernando Cortizo 2024), memoria inventada; "Negra sombra", (Pablo Millán, 2017), memoria esvaída no tempo; "A pena de Vicente", memoria investigada e recreada; "Solpor" (Xacio Baño, 2014), memoria da historia e ademais “Homes", multipremiada curta documental sobre a memoria democrática, dirixida por Diana Toucedo en 2015 que ofrece unha fonda reflexión sobre a memoria e a historia a través das mulleres que agardan aos homes que partiron para a Guerra civil. O filme narra como os actos dos homes configuran a historia oficial, namentres cuestiona o que acontece coa identidade das mulleres que manteñen feridas abertas.

A sesión será presentada por Ángela Arnosa, directora de Comunicación, e o veciño de Valdoviño Manolo González, que conversarán co público sobre as obras. A acción inclúese no programa de Actividades de Recuperación da Memoria Democrática de Valdoviño, que cofinancia a Deputación da Coruña, e nesta actividade colabora tamén o Concello de San Sadurniño.

Películas do ciclo

11 películas