Sinopse
O devir ameazante representado pola sombra dun gato negro que vai arrasando con todo
Cociña da peza
Pablo é un cineasta experimental,-mais moi racional-, e achegouse San Sadurniño ben documentado e cunha idea concreta no seu desbordante maxín: "Fiquei sorprendido pola arquitectura do territorio, transmitiume a sensación de viaxar por un decorado desvinculado do presente. En principio quería que a idea se centrara nas fames que aconteceron en San Sadurniño do século XIX . De feito, Rosalía de Castro escribiu o poema "Negra Sombra" inspirándose nestas tráxicas penurias que asolaron Galicia enteira e por iso pareceume o título perfecto para definir o concepto que tiña na cabeza. Ao final eliminei a parte anecdótica e centreime no medo en sí, abstraendo as ideas e potenciando ao "propio medo" como protagonista, máis que o acontecemento puntual que o desencadea. Todos en diferente medida temos medo ó devir, forma parte do instinto humano. O filme vai por ise camiño: a sombra do gato negro simboliza ese temor e ten efectos devastadores sobre o que nos rodea. Pretendo que o espectador perciba esta axitación, suliñada pola presencia da morte ameazante e a soidade humana: todos están mais non se ven, agochados, temerosos.. Tamén percibín certa soidade en San Sadurniño e por iso pareceume o esceario perfecto para "Negra Sombra". Enfin, ao final o traballo quedou moi corto porque descartamos moitísimo material interesante".
É un orgullo para a Chanfainalab contar con pezas tan turbadoras e suxestivas como “Negra sombra” de Pablo Millán. A través dunha panorámica de esquerda á dereita agroman as imaxes gravadas en San Sadurniño, vellas fotografías de xentes presentes nesta web, cemiterios, igrexas ou edificios singulares, mesturados cos símbolos visuais da mala sorte. Todo elo na procura da "quintaesencia do medo" e de se converter nunha peza de vocación universal que poda ser entendida en todo o mundo. Como afirma o cineasta: " É un filme fundamentalmente expresivo, como o é a dimensión da música, por iso tratei que prevaleceran elementos de gran potencialidade visual, sen contidos anecdóticos como poderían ser acontecementos puntuais históricos que interferiran no esencial. A superstición como leimotiv da peza, asenta o concepto e funciona como elemento psicolóxico, de gran presenza expresiva. A imaxe e o son teñen un tratamento que o achega máis ao mundo da animación e da arte, moito mais apropiado e moi preto da proposta conceptual inicial".
Así pois, nesta ocasión deixádevos levar pola creatividade, o talento e as moitas horas de traballo de posprodución dun dos cineastas máis interesantes do audiovisual galego contemporáneo. De seguro que non seredes capaces de pechar os ollos ata que na pantalla poña "Fin" e.. entón.. un arrepío percorrerá o voso corazón.
Equipo
Dirección
Música
Pablo Millán
Galería
