Ir ao contido principal

III Chanfaina Lab

2016

A III Chanfaina, novo encontro de miradas, paisaxes e historias compartidas

Encontro: 1 de xuño – 4 de setembro de 2016 · Gala: 11 de febreiro de 2017

Foto cineastas III Chanfaina Lab

Sobre esta edición

Durante a fin de semana do 1 ao 4 de setembro do 2016 celébrase en San Sadurniño a 3ª edición da Chanfaina Lab, unha novidosa experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do Concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semán unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
Entre os creadores/as que participan coa súa cámara nesta edición figuran autores/as naturais ou veciños de San Sadurniño como Abel Vega, Fran da Lobeira, Bieito Beceiro, Pablo Martínez ou Sebastián Rodríguez, @s ferroláns Natalia Porca, Lara e Noa Castro e Marcos Lourido, mais tamén participan relevantes cineastas do cinema galego procedentes de distintos puntos da xeografía do país: Lois Patiño, Lara Bacelo, Eloi Domínguez Serén, Carla Andrade, Claudia Brenlla, Jorge Coira, Ángeles Huerta, Pablo Millán, Sabela Pernas, Marta Piñeiro e Beatriz del Monte
O evento estará organizado polo Concello de San Sadurniño. Colaboran as Asociacións veciñais de Santa Mariña do MonteAdiante IgrexafeitaXuntanza de Lamas San Pipote de BardaosPico de Ferreira e Aula Cemit. O encontro está patrocinado pola Deputación de A Coruña e o Concello de San Sadurniño.

Este é o programa oficial da III Chanfainalab:
XOVES 1
20.00h.- Casa da Cultura: Proxección dos filmes documentais: “A Seara”, de Pepe Coira e “Verengo” de Víctor Hugo Seoane -que participou na 1º Chanfaina con "A beira do aceiteiro"-. Pezas unidas polo eixo temático común de recolleren a realidade de dúas aldeas da montaña interior galega. Entrada libre.

VENRES 2
10 a 14.00h.- Aula CeMIT: “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”.
Ana Seijo e Sabela Pernas (Videodinamizarte), traballarán sobre creatividade, dinámicas de grupo e técnicas básicas de gravación e realización. A iniciativa ten como obxectivo que as persoas participantes desenvolvan conxuntamente a súa propia peza para proxectala o domingo durante a clausura do encontro. O obradoiro é gratuíto e ás persoas participantes, ademais de consellos prácticos, tamén se lles facilitará material de gravación. Desenvolverase desde as 10 ás 14.00h. e para inscribirse é necesario pasar pola Aula CeMIT ou chamar ao 616 016 793.
20.00h.- Aula CeMIT: Recepción de participantes e visita á Casa do Concello. Apertura na galería do Pazo da exposición fotográfica “A propósito da Chanfaina”, con instantáneas das anteriores edicións captadas polo fotoxornalista Gabriel Tizón (aberta durante todo o mes de setembro).
21.15h.- Casa da Cultura: Presentación do proxecto “Visións” , nacido no marco do programa Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa que busca reivindicar o papel feminino na creación audiovisual e da que saiu un filme colaborativo executado a base de curtas por dez realizadoras. Tres delas, Lara Bacelo, Claudia Brenlla e Carla Andrade, participan no Chanfaina e ofrecerán na noite do venres o seu punto de vista sobre a realidade da muller no audiovisual. Entrada libre.

SÁBADO 3
9.00 a 14.00h.- Produción e gravación de curtametraxes
14.00h. a 15.30h.- Xantar para participantes no local social de Bardaos, en colaboración coa Confraría do San Pipote
15.30h. a 21.00h.- Produción e gravación de curtametraxes
21.00h.- Casa da Cultura: Eira de Cineastas, coa proxección dunha escolma de pezas producidas polos creadores e creadoras convidadas nesta edición.Entrada libre

DOMINGO 4
10.00h. a 14.00h.– Gravación de curtametraxes
10.00h. a 14.00h.- Aula CeMIT: Montaxe da peza colaborativa “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”
14.00h. a 15.30h.- Xantar para participantes no local social da A.VV. Adiante de Igrexafeita
15.30h. a 19.00h.- Gravación de curtametraxes
19.00h.- Casa da Cultura: Proxección da curta producida dentro do obradoiro de Videodinamizarte e despedida de participantes no III Chanfaina Lab

Historia do cartel

Nesta III Edición, a base do cartaz é o óleo "Coitadiños", pintado en San Sadurniño polo pintor palentino Asterio Mañanós a comezos do século XX. O gran artista visitou repetidas veces á sua familia en Galicia dende 1900 a 1912. Aquí podes coñecer a historia do pintor e do cadro

Coitadiños. III Chanfaina Lab




Galería

Películas desta edición

18 películas