Biografía
De pai e nai galegos, Claudia Brenlla naceu en Brasil en 1964. Licenciada en Dereito, introduciuse no cinema da man do Cineclube Lumiére e da rodaxe de "The last Patrol" (Cora Peña, 2000). Como integrante do colectivo vigués "La Casa Mortimer" aprendeu os distintos oficios do cinema en rodaxes de ficción fantástica. Entre 2001 e 2004 realizou dous documentais etnográficos para a serie de TVE "Sound stones, músicas del mundo", gravados en Cabo Verde e Santo Tomé e Príncipe, titulados "Cabo Verde Morabeza" e "Leve–leve, unha rumba africana". A partir de entón comeza proxectos dunha maior implicación persoal, como o documental"O club dos sen teito" (2008), gravado durante unha longa estadía en Brasil. As imaxes rexistradas nese país levárona a desenvolver un proxecto de longametraxe experimental sobre as emocións, "Animus mutandi", que non chegou a rematar. Tamén en 2008 presentou a curtametraxe "Bata por fóra (muller por dentro)" un filme de linguaxe arriscada que continúa a ter proxección en festivais e foros documentais, educacionais e artísticos e foi emitido no programa "Metrópolis" (TVE). A comezos de 2016 a cineasta dirixe "Ambos mundos" para o ciclo "Visións" , película colaborativa composta por dez curtametraxes realizadas por mulleres cineastas da provincia de Pontevedra.