Sinopse
Tres “videohistorietas” de humor absurdo inspiradas nas desconcertantes obras ilustradas de Edward Gorey. Nun mundo seccionado en latitudes e lonxitudes, salpicado de idiomas e signos, varias personaxes actúan instintivamente..
1.- As Xemelgas xordomudas: unha ancestra cuxa existencia descoñecen é a causante do fervor relixioso e das inclinacións musicais de dúas adolescentes xemelgas xordomudas inglesas.
2.- O camiño do Norte: Dúas peregrinas estranxeiras gozan da súa primeira experiencia nun campo de verzas.
3.- A verzafilia e outras filias de Pastora Naraío: A rica vida interior dunha solitaria labrega de Naraío. "
Cociña da peza
Claudia achegouse á "cociñar" na Chanfainalab cunha idea-fixa e un par de ingredientes, mais disposta a xogar coa experimentación libre: "Cando cheguei a San Sadurniño os ingredientes da miña receita eran as verzas, a “viñeta visual”, a obra ilustrada de Edward Gorey e os audios radiofónicos da historiadora colombiana Diana Uribe.
A idea de ensaiar cun concepto de viñeta visual leva comigo moitos anos: un plano fixo no que se desenvolve unha acción que pode complementarse cun texto breve. Cada viñeta da paso a outra nun breve espazo de tempo e isto pode supor unha valiosa ferramenta de sobresaltos de emocións. Este prantexamento visual lévase ben co estilo de Edward Gorey. Desfruto moito coas súas personaxes introspectivas e intrigantes, co seu humor tan negro e ao mesmo tempo tan naif. En canto ás verzas encántanme todas elas, a súa forma ofrece grandes posibilidades expresivas que espero seguir indagando. O Chanfaina Lab pareceume unha ocasión boa para ensaiar combinacións de todos estes elementos, de información textual, visual e sonora e comprobar os seus efectos. Tiña pensado centrarme soamente nunha muller “verzafílica”e solitaria cuxa afección pola radio a puña en contacto co resto do mundo, levándoa moito máis aló da súa leiras.
Acudín a San Sadurniño cunha radio antiga, unha lupa para facer algún planiño dos pulgóns das verzas e algo de vestiario. O equipo da Chanfaina púxome en contacto coa fantástica María Sánchez, de Naraío e a súa cadela Bernike. Mágoa que María non dispuña de toda a fin de semana así que o domingo ás marabillosas compañeiras Lara e Noa Castro -“personaxes Gorey”cento por cento-, aceitaron participar nuns planos. Como tiña a teima de contar con verzas moi altas e non as atopara en San Sadurniño, a videohistorieta “O camiño do Norte” graveina preto de Vigo, onde vivo.
No proceso de edición tratei de presentar unhas figuras humanas que constrúen a súa vida e os seus momentos dun xeito libre, sen impoñerse limitacións paralizantes: as xemelgas xordomudas cantan, as peregrinas chinesas mergúllanse sen medo nun bosque de plantas descoñecidas e Pastora vive nun mundo tan ancho como pode imaxinar".
“Tres videohistorietas” é unha filme que procura reflectir o moi particular sentido do humor do singular artista estadounidense Edward Gorey, cun humor entre macabro, absurdo e bizarro. Claudia utiliza o territorio de Sansa para poñer nel un universo estrafalario que pretende acadar a perplexidade, mais tamén a complicidade d@s espectador@s: "Agardo que o espectador pase un bo rato aínda que me gostaría que o seu visionado causara unha reacción o máis parecida posible á que experimento eu ante algúns dos textos e das ilustracións de Gorey: sorpresa e desconcerto seguidos dun sorriso, moitos interrogantes, curiosidade e ata afecto polas personaxes."
Así pois, nesta ocasión a Chanfainalab invítavos a degustar un menú ben exótico composto por tres pequenos pratos , con chinesas peregrinas, xemelgas inquietantes, un titorial de usos creativos das verzas e variadas sorpresas con estéticas, músicas e audios doutras culturas. Todo elo mesturado e aderezado con mimo e agarimo polo talento enerxético de Claudia. De seguro que non deixará a ninguén indiferente.
Equipo
Dirección
Reparto
Galería
