Sinopse
Martín rexenta un pequeno ultramarinos-bar dos de toda a vida, a "Casa Torina". Nunha Galicia baleirada onde a xente que queda se comunica case integramente a través das redes sociais, a música e a visita de clientes como Arturo son os únicos divertimentos que Martín ten no seu día a día."
Cociña da peza
A dilatada experiencia do equipo Olloboi (Ana e Susana) axudou na procura dun fío do que tirar. Ao mais puro estilo chanfaineiro - é dicir por azar- deron coa popular -e xa fechada- tenda-mesón "Casa Torina", fundada en 1940 por Victorina López Loureiro, filla do vello Administrador da Marquesa Manuel López Sisto:"As mozas Olloboi, Susana e eu, mantemos lazos co rural das nosas infancias, e gústanos retratar a evolución das aldeas desde un punto de vista o menos dramático posible, nos límites que a realidade nos impón en canto a fin dun modelo social e cultural. Acudimos a San Sadurniño con idea de atopar os símbolos dese devir, pero sen unha idea concreta, acaso coa referencia do cine de Sandra Sánchez. Foi pura casualidade que se atopase na vila Iván Sanjurjo, un vello amigo noso de inquedanzas e humor similares. Iván procurounos a localización (un bar ultramarinos que pechou hai uns anos) e os actores: seu propio pai, Martín Sanjurjo e Joselito, veciño de Ferrol pero instalado desde hai décadas no lugar. Foi montar o set no antigo bar e deixar que xurdise a maxia: Martín é un estupendo músico (alma mater do grupo Saraibas) e un paciente actor. Joselito, un fenómeno da pantalla por descubrir. Entrambos xurdiu a chispa para contar o que queríamos contar, mesmo podendo facelo a través da ficción."
"Casa Torina" é unha curta fronteiriza que anda da cabalo entre ficción e documental, entre o antigo e o novo, a tradición e a modernidade. A vella tenda bar-ultramarinos é un espazo social do pasado, mais a súa atmosfera sigue viva, non só como espazo físico, senón tamén no imaxinario da comunidade. Alí o equipo Olloboi ubica a un par de veciños, que tamén son referencias cotiás de San Sadurniño e a maxia do cine fai o resto. Unha peza evocadora, lírica e con arumes de cinema verdadeiro, que por veces nos sorprende pola súa complexidade a pesares da súa aparente sinxeleza: "Cunha estética lavada de cor e un ritmo lento quixemos transmitir a decadencia dun modelo social no que se primaba o veciñal e o vagar paseniño do tempo. O ton e o paradoxo argumental teñen moito dos irmáns Coen, Sofia Coppola ou Jim Jarmusch, directores que optan pola ficción pero sempre sobre un traballo de naturalidade máxima nas interpretacións. Temos a obstinada idea de que a peza necesita repensar unha pasaxe intermedia, pero o COVID non nos deixou acceder ós arquivos orixinais." Non sabemos si precisa retoque algún, porque en definitiva, tal e como está, "Casa Torina" xa é unha fermosísima peza, minimalista e de ritmo pausado, unha bocalada de aire fresco, un anaco de vida e autenticidade que sorprendeu na súa estrea e non vai deixar a ninguén indiferente.
Equipo
Galería
