Sinopse
A escola da parroquia de Monte, personificada nunha voz de muller (Fina Fernández Couce), cóntanos o devalar da súa existencia dende finais do século XIX, até finais do século XX, en referencia a outros feitos acontecidos no Concello
Cociña da peza
Fran da Lobeira é un tipo ecléctico, polifacético, hiperactivo e xeneroso, que o mesmo leva as redes sociais da Chanfainalab, que colabora con todas as cineastas que o solicitan, como fixo este ano con Vellamorta de Juan Galiñanes ou "Na procura da nosa deusa Nabia" de Ignacio Vilar. Fran é unha especie de home orquestra absolutamente imprescindíbel para todo o colectivo de cineastas chanfaineiros, de xeito que grava a curta cando pode: "A idea da peza veu por un traballo de recompilación sobre as escolas que realizou Amparo Calvo dende o ano 2022. Adicouse a investigar entre a xente da parroquia sobre as escolas, onde estaban, quen eran as mestras e centrouse especialmente nas escolas de nenas. A idea de darlle unha volta e que a escola contara a súa historia, veu de ver como as alumnas contaban a súa, nunha xuntanza que se celebrou en outubro do 2023 e unha conversa posterior coa miña produtora particular, Lucía da Lobeira. As maiores dificultades do proceso foron que durante o Chanfaina fixen as veces de director de foto e operador de cámara do Ignacio Vilar, así que tiven que pospoñer a realización da miña peza".
"Eu, a escola" é unha dinámica viaxe polas escolas de Monte cunha narración áxil e humorística que amosa os diferentes espazos que habitou esta necesaria institución dende o século XIX; a historia itinerante do ensino na parroquia de Santa Mariña do Monte e tamén a do propio Concello. Fran engádelle ese toque lobeirés, cun punto acelerado e retranqueiro que bebe nas novas narrativas e caracteriza boa parte das súas curtas: "Como cada vez que fago unha peza, vou tecendo capas e capas de cousas e ao mesmo tempo vou atopando erros cometidos, algúns teñen solución e outros non. Estou moi contento co resultado deste “documental sprint” que as espectadoras terán que ver máis de unha vez para poder atopar todas as referencias á parroquia e ao Concello. O espectador poderá comprobar que non só se trata das escolas de Monte, senón de moito máis acontecido no Concello. Desta volta, o resultado superou con creces a idea e intención inicial que tiña, e todo grazas á miña sempre inspiradora crítica particular, Lucía. Non se me ocorren referencias, mais se tivese que elixir algunha, coido que salvando moito as distancias, tentei emular ao Mestre Antón Caeiro no seu documental "Eu tamén necesito amar". Coido que o que tentaba transmitir, que era unha historia da miña parroquia no Chanfainalab, con esta peza, conseguino". En definitiva, unha proba máis do talento e o amor pola parroquia de adopción deste "creador de contidos" xa imprescindible. A veciñanza de Monte segue a agardar novo filmes de Fran da Lobeira e na cociña da Chanfainalab sentímonos orgullosos do seu traballo non só pola súa produción incesante, senón tamén polo seu compromiso en participar e crear comunidade porque Fran é da estirpe dos bos e xenerosos.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Guión
- Amparo Calvo
Música
“Grande Tarantelle (1872) de L. M. Gottschalk - Arranxo para cordas” e “The jazz singer”
Galería
