Sinopse
A primeira vez que estiven en San Sadurniño foi no 1988, con case 10 anos, para participar no concurso de canción infantil en galego Cantareliña. O concurso, que organizaban membros do grupo musical Saraibas cando o cura Ramón Díaz Raña, foi todo un fenómeno sociocultural na Galicia dos anos 80 e o seu epicentro era San Sadurniño. Hoxe hai unha xeración de nenas e nenos que ou ben participaron, desde lugares de todo o país, ou escoitaron as cancións nos diferentes discos que se editaron. Antes da xeración Xabarín estaba a xeración Cantareliña. E aproveitei a miña visita a San Sadurniño participando no Chanfaina Lab para lembrar aqueles tempos con outros dous participantes, Iván e Sabela
Cociña da peza
María xa viñera a Sansa de cativa e traía unha bala na recámara ateigada de nostalxia; ela mesma relata con total precisión o proceso de cociña da súa idea: "Coma outra moita xente, abafada polos quefaceres do traballo diario, cheguei a San Sadurniño sen unha idea moi clara do que ía facer. Quería deixarme levar pola experiencia, explorar o lugar, aproveitar para escapar do barullo cotián para facer un exercicio de introspección e de experimentación coa cámara. Na recámara levaba a idea de facer algo sobre Cantareliña, pero tampouco tiña moi claro o qué. O caso é que as cousas saíron doutra maneira. En vez de ir eu soa por aí, nun momento dado decidín meterme nun coche con Luís Avilés, Ana Moreiras e Susana Diz, que tamén andaban chanfaineando e ían dar unha volta e localizar. Foi a mellor idea que puiden ter. Porque das conversas, dos vermús, das risas e das historias que nos contamos uns aos outros saíu o estímulo para facer algo sobre "Cantareliña". Esa tiña que ser a historia. Logo cadramos con Ivan Sanjurjo e Sabela Íñiguez, e cando empezamos a falar de Cantareliña saíunos espontaneamente aos tres cantar o himno. Aí foi onde atopei o fío condutor da película. Pedinlles que viñesen comigo ata o parque da Marquesa, onde se celebraba o festival, e aí tivemos unha conversa na que puiden participar grazas que a cámara a fixo o amigo Avilés.
Xa tiña algo de material do que partir, e a posibilidade de entrevistar tamén a Martín e Miguel Sanjurjo, de Saraibas, dous dos impulsores do festival. Medio quedara con eles o domingo para gravalos, pero ese plan tamén se alterou por tres motivos: 1) Decatarme de que esa xente ten tanto que contar que excedería o límite de tempo e de produción da miña peciña para o Chanfaina. A súa testemuña merece mellor capacidade de escoita, de rexistro e de edición da que eu tería eses días. Convén gardala para cando se faga un documental de verdade sobre Cantareliña, e está claro que hai que facelo. 2) Apetecíame facer algo máis persoal, partindo da miña xeración e da miña propia experiencia, e non tanto un traballo xornalístico. 3) O San Pipote de Bardaos. Acabamos Iván, Ana, Susana e mais eu collendo de noite un taxi a Bardaos para asistir á verbena e procesión de San Pipote. Tiñamos moitas ganas de festa e estivemos bailando ata preto das 6 da mañá. Debían ser as 7:30 cando me deitei, daquela maneira. E ás 9:15 acordei toda agobiada. E a miña película? Só gravara aquela entrevista e algúns recursos. Que máis podía facer?. Apenas quedaba un día de gravación e nin tiña moita idea de que gravar nin, por suposto tiña corpo ou a cabeza despexada. Púxenme a escribir daquela un guión para unha posible voz en off que contase, case a tempo real, a miña experiencia no chanfaina e as miñas dificultades para atopar a película. Inspireime nas películas de Elías León Siminiani, que case se van facendo a si mesmas de xeito autobiográfico, con moitos detalles que parece que non importan pero si que importan: a verbena, o kalimotxo, as gravacións dos meus compañeiros, as conversas con outros chanfaineiros aqueles días, a morte de Camilo Sesto, que acababan de anunciala esa mesma mañá… ben, escribín 5 folios de voz en off coa inxenuidade de que algún día tería tempo para montar toda aquela historia. E de que sería de interese para alguén. Ao final a intuición (e a resaca) levoume a buscar a esencia do que quería contar. Para iso só precisaba silencio, un lugar e unha frauta. E un operador de cámara e son, de novo Luis Avilés. E despois de almorzar regresamos ao Parque da Marquesa, onde me puxen a tocar a frauta que me prestara Sabela intentando sacar a melodía de "A pantasma Tom", a canción coa que concursamos en Cantareliña. Se non fose polos kalimotxos da noite anterior nunca tería o valor para pórme diante da cámara a facer iso. Véxome e saio horrible, pero fágome gracia. Vese que fun quen de entrar nun nirvana que me retrotraeu a aquela primeira viaxe a San Sadurniño. E compadezo a Luís, que tivo que aturar 25 repeticións da melodía na frauta. Por chamarlle algo a aquel tocar cheo de erros e para o que me faltaba o alento."
En "Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña" intégranse de marabilla os dous niveis que caracterizan os bos documentais: por unha banda a mirada propia e o pouso persoal que converte en único un filme, e pola outra o rexistro da memoria colectiva ou experiencia humana a través de testemuñas directas ou material de arquivo."E o resultado o proceso foi esta peli. Unha humilde homenaxe, a Cantareliña e un pouco tamén a Agnès Varda, que disque ten algo do seu estilo. Pero eu prefiro chamarlle Agnès Bardaos. Intento que estean presentes ambos aspectos: a testemuña do “nós” (os nenos que fomos a Cantareliña) e a performance do “eu". As imaxes do arquivo fixeron o resto. Tamén como homenaxe á memoria colectiva que se comparte espontaneamente en internet e pola que tanto fan proxectos como Fálame de San Sadurniño." Moitas grazas María por esta delicatessen requintada e por manter viva unha lembranza que rende xustiza a un esforzo colectivo realizado hai anos por veciñas e veciños, nenos e nenas de toda Galicia.
Equipo
Galería
