Sinopse
Vicente Penabade Lage naceu en 1950 na Toca (As Somozas) e faleceu en Neda no 2021 aos 71 anos. Pasou a adolescencia en Racamonde de Abaixo, logo traballou como taxista durante moitos anos e ao cabo, decidiu vivir para sempre no Forgoselo
Cociña da peza
Abel Vega é unha institución da Chanfainalab, o noso chanfaineiro máis veterano e prolífico. Un home imprescindible pola súa bonhomía, retranca e sabedoría; diante de calquera dificultade ou incidencia, todo vaise resolvendo co enxeño de Abel. Como en edicións anteriores, está en todas partes, axudando a quen o precise. Para el non existe a palabra non. Podémolo ver nas pezas dos compañeiros como "O pano de seda" de Kevin Lorenzo ou en "Pedro Chosco" de NaraíoMedia. Nesta edición Abel recupera a súa peculiar e orixinalísima mirada documental: o estilo "abeliano". A espoleta da peza agromou nunha viaxe ao Forgoselo para botar unha man a Felix Brixel en "A Terra é vella". Unhas flores frescas na Pena dos Bois alertaron o seu instinto de que alí había unha historia: "Cando fomos alí picoume a curiosidade, que facían alí aquelas flores entre os penedos? Primeiro fun a preguntar a Racamonde de Abaixo e deseguida púxenme a indagar sobre Vicente Penabade. Localicei aos seus fillos que me deron todo tipo de facilidades para documentarme. Iso si, a gravación estivo ateigada de incidencias técnicas que me obrigaron a ir ata o cumio do Forgoselo varios días, mais ao cabo puiden rematar a peza".
"A pena de Vicente" é unha sentida lembranza da pegada no territorio dun home que xa é parte do patrimonio inmaterial do Forgoselo. Se en traballos anteriores, a retranca de Abel provocaba a risa dos espectadores, neste pretende transmitir a emoción polo recordo de quen foi - e é- habitante do Forgoselo: "Eu síntome orgulloso e moi contento de facer esta peza. Coido que é un xeito de manter viva a memoria dun home. Ademais é un bo agasallo para os netos e os fillos de Vicente Penabade. Mesmo considero que é un xeito de renomear un fito da paisaxe do Forgoselo que ben podería chamarse tamén a "Pena de Vicente". Así pois, fagamos caso da recomendación de Abel. Na Chanfainalab estamos fachendosos da consolidación do cineasta de Igrexafeita e que, edición tras edición, nos faga sorrir e tamén conmover como con esta historia dun veciño que decidiu vivir para sempre entre nós.
Equipo
Dirección
Galería
