Sinopse
A Marquesa e o Pazo" é un anaco da historia de San Sadurniño en animación fotográfica 3D. Unha peza construída a partir do minucioso traballo de investigación e de recuperación de escritos e fotografías nas 133 historias publicadas sobre o Marquesado de San Sadurniño, na web Fálame de San Sadurniño. Fontes visuais que fan memoria do pasado, que conseguen traer ao presente os recordos da historia e situarse no ámbito da construción da identidade
Cociña da peza
Anxo veu a San Sadurniño cun proxecto xa moi definido e parte do traballo de investigación feito. A súa bonhomía e xenerosidade adiantaba na promo que realizou para 6º Chanfainalab as súas características. Impartiu con gran éxito un obradoiro de fotografía 3D a varios veciños e veciñas. A fin de semana da Chanfainalab pasouna localizando e gravando coa única axuda das vellas fotografías: "A escolma de fotos seleccionadas revelan os plácidos veráns que a aristocracia española gozaba nas súas visitas a San Sadurniño a principios do século XX: paseos pola fraga, partidas de tenis, lecturas ao fresco, merendas campestres, faladoiros nas terrazas... allea á pobreza e ás penurias ás que se vía sometido o labrego do entorno a consecuencia do poder señorial que exercían os Marqueses de San Sadurniño. Escenas que amosan as actividades do catolicismo radical da Marquesa: procesións, entrega de agasallos aos nenos na "Feira do catecismo", as lembranzas de Manolo Rico, un neno recollepelotas da Marquesa, unha historia da investigadora Margarita Sánchez ou un poema escrito por Dores Tembrás. Un camiño de regreso das imaxes actuais, tal máquina do tempo. Os negativos en cristal recuperados son a base das fotografías da época utilizadas no proceso de transformación de imaxes convencionais en imaxes tridimensionais utilizando a técnica do paralelaxe ou mapeado (parallax effect ou parallax animation) que permite a reconstrución do espazo fotográfico e ordenar os distintos planos en distintos niveis de profundidade, un recurso que nas orixes da produción cinematográfica Georges Méliés usara nos decorados pintados a modo de set. Máis tarde, métodos semellantes foran postos en práctica na rodaxe do filme "King-Kong", onde unha miniatura era colocada entre dúas placas de vidro, unha por diante e outra por detrás, para crear a ilusión de profundidade. O mapeado actúa de maneira similar, aínda que ocorre nun entorno virtual e non en lugar físico ou real como aquel outro."
"A Marquesa e o Pazo" é unha extraordinaria viaxe no tempo que utiliza a tecnoloxía dixital para recrear o universo privilexiado no que viviu Natividad Quindós y Villarroel no seu Pazo de San Sadurniño. Anxo, como un demiúrgo dixital vai engadindo segundos de vida a instantes de espazo-tempo conxelados nun papel. Un inxente esforzo de animación e posproducción que lle levou arredor das 500 horas de traballo e no que reconstrúe con moita fidelidade o esplendor do Pazo e os seus xardíns cando era un lugar visitado por selectas personalidades do primeiro terzo do século XX: ""Este procedemento permíteme xerar un discurso visual híbrido, entre a animación e a cinematografía, que aporta novos horizontes non só fronte á tradicional concepción das fontes fotográficas no eido da memoria histórica senón, tamén, nas execucións pictóricas, como noutros traballos que fixen sobre "Goya, Manet, Picasso" e "Atila en Galiza. Galiza mártir". Nesas curtas tento expresar a influencia dunha das primeiras obras da Arte Moderna, "O fusilamento do 3 maio", nas obras de denuncia da crueldade dos conflitos bélicos noutros artistas". A peza é un espectáculo total e unha experiencia visual inmersiva; case máxica; pero mais aló da súa capacidade sensorial, o talento e o compromiso de Anxo Santomil consegue poñer en valor a investigación e o arquivo como soporte de traballos sobre a memoria histórica e as posibilidades que ofrece para a divulgación colectiva. @s que levamos anos traballando en Fálame sentímonos profundamente agradecidos, porque pezas como "A Marquesa e o Pazo" acreditan que o noso traballo pode ser moi útil para a actualización e difusión da memoria histórica
Equipo
Dirección
Música
"Believe" de Alicia Sevilla e "Third Awakening" de Project Divinity
Galería
