Ir ao contido principal
Os traballos e días (1)

Os traballos e días (1)

O devalar no tempo do traballo e a vida cotián

Entre casas, leiras e lembranzas, latexa a vida dunha comunidade que transforma o cotián en memoria compartida.

Familia Arnoso-Anca
Familia Arnoso-Anca

Presentamos Os traballos e días (1), unha escolma de pequenos filmes que retratan a vida cotiá da veciñanza de San Sadurniño. A través de diferentes historias e estilos narrativos, as pezas achégannos ás súas vivencias, pensamentos e sentimentos, debuxando un mosaico humano no que o traballo, a memoria, os afectos e a vida comunitaria conforman a identidade dun territorio.

Esta primeira entrega, que podes ver ao final desta presentación, reúne as seguintes pezas:

 "Casa Torina" (Ana Moreiras, 2019). Retrata o día a día dunha vella tenda de ultramarinos, a medio camiño entre a ficción e o documental, o antigo e o novo e a tradición e a modernidade. Hoxe, aquel espazo comercial é xa memoria do pasado, pero a súa atmosfera continúa viva no imaxinario da comunidade.

 "Cruz Piñón" (Xisela Franco, 2014). Un retrato poliédrico, construído a dobre pantalla, de Cruz Piñón, unha grande muller labrega que transformou a súa vida grazas ás novas tecnoloxías. A peza é unha chamada ao optimismo, unha historia de superación que revela a capacidade humana para evolucionar e avanzar cara á propia realización.

 "A chamada" (Simone Saibene, 2018). Puri Lamas vive en Igrexafeita. O seu tempo transcorre á espera dunha chamada que anuncia o final da vida dunha veciña ou dun veciño. Unha peza que se detén na espera e na conciencia da fraxilidade humana.

 "O silencio dos eólicos" (Aser Álvarez, 2018). No remoto lugar de Racamonde, en pleno Forgoselo, a familia Arnoso-Anca atende unha explotación gandeira. O filme achéganos ao día a día dunha familia que aposta por vivir sen complexos no rural galego, nunha paisaxe na que os aeroxeradores xa forman parte da contorna.

 "O Cal"  (Miguel A. Romero, 2024). O Cal é un espazo natural onde Álvaro Barros, biólogo de profesión, desenvolve un labor de recuperación e concienciación ambiental. Unha sorte de Arca de Noé utópica que vai tomando forma na terra da súa infancia, alí onde a memoria persoal se atopa co compromiso coa natureza.

 "Homes" (Diana Toucedo, 2015). A ferida aberta da nosa historia agroma desde unha mirada feminina. As cociñas convértense no corazón das casas, no centro da vida das mulleres do rural que agardan novas dos homes ausentes pola Guerra Civil. Unha ollada íntima á memoria, á ausencia e ás pegadas do pasado na vida cotiá.

 "SANSA" (Cristina de la Torre, (2017). A través de cinco acontecementos que teñen lugar ao longo do sábado 2/9/2017, o filme percorre os rituais do poder, do amor, da fe e da amizade. Cerimonias que perduran no tempo e que nos unen, mantendo vivos os vínculos que nos conforman como comunidade.

E, para rematar, "A Marquesa e o Pazo" (Anxo Santomil, 2019) achéganos a un poder centenario que, no devalar do tempo, condicionou a vida cotiá de milleiros de veciñas e veciños. A peza pon en valor a investigación histórica e os arquivos como ferramentas fundamentais para reconstruír a memoria histórica e comprender a vida doutras épocas.  

A duración do programa é de 73 minutos

Proximamente presentaremos unha segunda entrega, con novas pezas que continúan a debullar a vida cotiá da veciñanza de San Sadurniño.


Películas do ciclo

8 películas