Sinopse
Este microdocumental é un retrato da vida do rural a traveso dos rituais de poder, amor, fe e amizade que fan que siga existindo, cunha mirada un tanto extravagante e a ratos divertida sobre as cerimonias que nos conectan e constrúen como comunidade
Cociña da peza
A hiperactiva Cristina achegouse a San Sadurniño sen unha idea preconcibida. Confiaba -e con razón- no seu agudo olfacto como xornalista e experimentada documentalista para topar un fío do qué tirar: "Cando cheguei a San Sadurniño non sabía que historia ía contar. Apenas coñecía o lugar ou ás súas xentes, e tampouco son unha narradora especialmente poética ou trascendente. Así que nas primeiras horas na vila fixen o que máis me gusta: mirar, escoitar e conversar. Desa conversa saíu un plan de rodaxe que saltaría do Concello ó campo de fútbol e dalí a unha igrexa. O nexo tíñao claro, as persoas precisamos reunirnos para celebrar cousas, compartindo experiencias, emocións e ideas. E niso, o rural creo que é máis vivo que o mundo urbano, xa que nos pobos todos os rostros teñen nome, dirección, familia e traxectorias que recoñecemos. Así que durante os dous días da Chanfaina Lab fun de templo en templo, colándome como unha espectadora máis, confiando en que a miña intuición xornalística me axudara a colocar o móbil e a gravadora no lugar e momento adecuados. Na montaxe atopei que efectivamente, naqueles oito xigabytes de imaxes conseguira atrapar un anaco da vida de San Sadurniño tal e como o quería contar."
"SANSA" é un documental orixinal e divertido no que Cristina rexistra ata cinco eventos "sociais" da intrahistoria dunha fin de semana en Sansa: unha voda civil, o pleno municipal dos sábados, a misa dominical de Naraío, un partido de fútbol e o xantar d@s cineastas da Chanfainlab en Bardaos. A alteración dos tempos na montaxe e os audios encabalgados nos diferentes eventos, vanlle engadindo sorprendentes significados e lecturas a canto vemos ou escoitamos, mais sempre dende o respecto e agarimo:"Sempre me fascinaron as cerimonias, de calquera tipo, como se puidera miralas coa distancia dun alien, analizando os xestos, a retórica, a disposición, o lugar... E esta peza audiovisual é un exercicio narrativo que trata de que o espectador comparta esa experiencia, a de mirar unha voda, unha misa ou un pleno con certo estupor. A traveso dunha sinxela manipulación na montaxe, penso que "SANSA" pode espertar desconcerto e sorrisos a partes iguais, aínda que cun profundo respecto e cariño polo pobo que nunha fin de semana de setembro foi a miña casa". Así pois, invitámosvos a degustar dun divertido paseo pola fin de semana en Sansa da man retranqueira de Cristina de la Torre. De seguro que vos sorprenderá a creatividade, orixinalidade e frescura narrativa da cineasta valdeorresa, ademais de provocar como mínimo un par de sorrisos, que boa falta fan nos tempos que corren.
Equipo
Dirección
Galería
