
Fronte ás visións estereotipadas, trece pezas que ofrecen outras maneiras de mirar o rural

O rural galego foi representado moitas veces no cinema e o audiovisual través de estereotipos asociados á pobreza extrema, á violencia, ao narcotráfico ou á tolemia. Este ciclo propón mudar esa mirada e achegarse a unha realidade máis diversa e próxima, na que teñen cabida o humor, a amizade, o amor e os afectos, a memoria, a convivencia, a creatividade e o compromiso coa natureza. As pezas reunidas percorren diferentes aspectos da vida rural, unha panorámica máis próxima, diversa e vital. Desde a comedia ata o documental, pasando pola ficción e outras formas de expresión audiovisual, ofrecen retratos singulares de persoas e lugares que cuestionan os tópicos e amosan un rural vivo, orgulloso e cheo de posibilidades. Unha escolma que reivindica outros xeitos de mirar e contar a vida no rural galego.
“Interxeracional" (Xavier Villaverde/Bieito Beceiro, 2022). Tras a morte do seu home durante a pandemia, Maruxa atopa apoio nun rapaz da aldea que se achega a ela para acompañala na súa soidade. Entre ambos nace unha amizade que supera a diferenza de idade e as circunstancias difíciles nas que xorde. Unha historia emocionante sobre a solidariedade e os vínculos que poden unir dúas xeracións.
“Mírame" (Kevin Lorenzo, 2024). Un encontro fugaz altera o paseo de Nara cando queda fascinada por Marco, un rapaz que acaba de cruzarse no seu camiño. Entre a timidez, a atracción e as pequenas rivalidades locais, a protagonista terá que decidir se se atreve a dar o primeiro paso. Unha comedia romántica que atopa no rural o escenario ideal para unha historia fresca e chea de humor
“Nena:Dina" (Andrés Goteira, 2018). Nena e Dina son dúas amigas xubiladas que deciden gozar da vida á súa maneira, entre unha pista de tenis e unha piscina. Lonxe das imaxes habituais sobre a vellez, a peza sitúa as protagonistas nun escenario inesperado, onde o pracer e a liberdade non entenden de idades. Unha comedia singular que xoga co contraste entre as súas vidas e o luminoso mundo que as rodea.
"Pois iso, que te quero" (Beatriz del Monte, 2016). Catro xeracións dunha mesma familia reúnense arredor dun café para conversar, rir e enfrontarse aos silencios acumulados ao longo dos anos. A través dos rostros e das palabras destas mulleres afloran lembranzas, sentimentos e afectos que nunca chegaran a expresarse. Un retrato íntimo das relacións entre nais e fillas, onde a emoción nace da verdade do cotián.
"O encanto da natureza" (Catalina Rodríguez, 2023). Os cabalos salvaxes do Forgoselo protagonizan esta celebración da beleza e da liberdade da vida na natureza. A cámara percorre a serra entre amplas paisaxes, luz e movemento, acompañando uns animais que viven en estreita relación coa contorna. Unha peza contemplativa que transmite a paz e a forza dunha natureza que conserva o seu carácter indómito.
"SANSA" (Cristina de la Torre, (2017). Unha voda, un pleno municipal, unha misa, un partido de fútbol e unha comida colectiva compoñen este retrato da vida comunitaria de San Sadurniño. Cristina de la Torre observa estas cerimonias cotiás cunha ollada curiosa e retranqueira, xogando na montaxe cos tempos e cos sons. Un documental que descubre, entre o humor e o afecto, os rituais que manteñen viva unha comunidade.
“Cruz Piñón” (Xisela Franco, 2014). Cruz é unha muller labrega que descobre nas novas tecnoloxías unha porta aberta a outras aprendizaxes e posibilidades. A pantalla partida contrapón o seu traballo cotián no rural coa curiosidade por un mundo novo que non quere deixar escapar. Un retrato ch eo de humanidade sobre a capacidade de aprender, evolucionar e reinventarse a calquera idade.
“Breixo" (Xavier Seoane, 2018). Breixo traballa no campo xunto á súa avoa e leva tempo namorado dunha veciña. Cando por fin decide declararlle os seus sentimentos, descobre que ela marcha da aldea para continuar os seus estudos. Unha comedia romántica rural que combina humor e emoción para falar das dificultades da mocidade, dos soños e da esperanza nun futuro mellor.
“E logo?” (Mario Iglesias, 2014). Xulia achégase ao antigo cine do pobo coa intención de organizar a proxección dunha final de fútbol, pero acaba atopándose cunha vella disputa entre dous veciños. O paso do tempo e a perda da memoria irán esvaecendo as razóns dun enfrontamento que parecía non ter solución. Unha historia sobre a intolerancia e a posibilidade de recuperar a inocencia e a comprensión entre as persoas.
“O Cal” (Miguel A Romero, 2023). Un percorrido polo Cal, na parroquia de Ferreira, achéganos ao proxecto de Álvaro Barros para recuperar os usos tradicionais do monte e favorecer a biodiversidade. A través dunha exploración compartida da paisaxe, o protagonista convértese tamén en cámara e ofrece a súa propia mirada sobre ese espazo. Un documental que reivindica outras formas de coidar e habitar o rural, fronte á expansión dos eucaliptos.
“O silencio dos eólicos” (Aser Álvarez, 2018). Un retrato próximo e agarimoso da vida cotiá dunha familia gandeira no afastado lugar de Racamonde, na serra de Forgoselo. A través da observación dunha mañá de verán, Aser Álvarez achéganos ao mundo rural, aos seus traballos e á relación cos animais. A tranquilidade e a beleza da paisaxe conviven co ruído case permanente dos aeroxeradores, presenza que contrasta co silencio do lugar. Unha mirada humana e comprometida coa cultura labrega galega.
"Solposto" (Iago Lourido, 2024). Miguel e Maruxa son os dous únicos habitantes de Solposto, un pequeno lugar onde a vida cotiá parece abrirse a situacións inesperadas. A partir desta premisa, Iago Lourido constrúe un universo de historias surrealistas, dividido en episodios e coidado ata o último detalle visual. Unha peza orixinal que transforma unha anécdota sobre a soidade no rural nun xogo cinematográfico cheo de humor e estrañeza.
“Que pasou” (The Sun Girls, 2019). Dezaoito veciñas e veciños de San Sadurniño soben ao coche das Sun Girls para participar nunha celebración colectiva da música galega. A través de cancións que acompañaron varias xeracións, a peza converte a veciñanza en protagonista dun videoclip cheo de ritmo e complicidade. Unha proposta festiva e luminosa que reivindica a cultura popular e o pracer de cantar xuntos.
A duración do programa é de 97 minutos
















