
Un diálogo entre literatura e cinema que transforma textos, versos e relatos en experiencias audiovisuais.

Este ciclo reúne pezas que atopan na literatura unha fonte de inspiración para explorar novas formas de expresión cinematográfica. Poemas, relatos, obras clásicas e figuras da tradición literaria convértense en puntos de partida para investigar as posibilidades da imaxe, o son e a montaxe.
Algunhas propostas reinterpretan libremente textos e historias; outras toman como referencia un verso, unha personaxe ou unha atmosfera literaria para construír un universo propio. De Rosalía de Castro a Pondal e Álvaro Cunqueiro, pasando por Homero, José María Gabriel y Galán , Nuria Vil ou Darío García Taboada, as palabras transfórmanse en imaxes e adquiren novos significados. Un encontro entre literatura e cinema no que cada cineasta establece o seu propio diálogo coa palabra escrita.
A duración do programa é de 50 minutos.












