
O ollo cobizoso
- Duración
Sinopse
O ollo cobizoso” é unha proposta experimental que nun principio pretendía ser unha ollada encaprichada do potencial estético do natural e do cotiá, pero que acabou converténdose nunha reflexión visual e auditiva, sobre a paisaxe, a urbanización, a tranquilidade e outros aspectos da vida que tratamos de revirar e reinterpretar, deformando o que vemos para amosar outras cousas ou quizais as mesmas, pero que aparecen cambiadas de forma incómoda e incluso abafante, co obxectivo cobizoso de que algún que outro ollo bote fume.Inspirada por un verso do poema "Oda al valle de San Sadurniño" de Darío García Taboada.
Cociña da peza
Lara e Noa achegáronse a San Sadurniño sen una idea preconcibida, mais sí coa intención de darlle unha volta á mirada sobre a paisaxe e o respecto pola natureza: "Para cociñar a nosa peza tomamos o noso tempo, porque queríamos explorar San Sadurniño antes de tentar falar sobre el. Así que durante dous días levantámonos co sol e camiñamos con calma, fixándonos na paisaxe, na xente, nos camiños, percorrendo sendeiros perdidos dende Narahío ata Bardaos, e observando, sobre todo observando. Porque a nosa peza ao fin e ao cabo foi un proceso de observación, unha mirada estrana, un ollo pechado, unha árbore que cantaba, un cabalo que botaba fume, un silencio que falaba... E todo iso tratamos de traducilo coa linguaxe torta dun obxectivo fotográfico. No filme prantexamos esa estreitez e limitación no encadre que, nesta ocasión, sesga a realidade de xeito que un tan só pode intuír esa beleza. Usamos unha asociación insólita de son e imaxe para potenciar esta idea que ao mellor resulta un tanto incómoda. En definitiva, que marchamos de San Sadurniño con ganas de falar del, cunha chea de retallos da paisaxe e xogos visuais tan só apreciábeis para ollos cobizosos".
"O ollo cobizoso" é unha proposta experimental e radical que esixe a complicidade do espectador. As cineastas optan por transgredir as normas sagradas da linguaxe audiovisual coa adopción do encadre vertical ou xogar e modificar o punto de vista "natural" do rexistro da cámara e os límites do plano. A cinta obriga a "remirar" a paisaxe con outros ollos, provocando o estrañamento na mirada, o que a converte nunha peza única, provocadora e case subversiva, que non deixa a ninguén indiferente pola súa orixinalidade, intencionalidade e vontade de ruptura. O consello que nos dan as cineastas é que @s espectador@s tomen a curta coma un experimento e se deixen levar: "Agudizade as orellas e mirade con elas tanto coma cos ollos, para descubrir qué vos di o que vedes ou escoitades". Noa e Lara -artistas "totais" e de inmenso futuro- de seguro han de alegrarnos moitas veces no devalar do cinema e a cultura galega nos anos vindeiros.
Desafío vertical para ollos cobizosos, por Noa e Lara Castro
Equipo
Dirección
Galería
