Sinopse
Un campo de vacas pintas semellan a mítica Illa de Helios do canto XII da Odisea. A Illa de Helios é un breve ensaio acerca do proceso fílmico nos campos de San Sadurniño
Cociña da peza
Iconauta e militante do cinema experimental, Tono achegouse á Chanfainalab coa cámara de cine en 16 mm coa intención de procurar imaxes fílmicas de animais de todo tipo, alí por onde caeran: "Comezou como unha pequena fábula con animais, e adiquei o tempo en San Sadurniño a filmar vacas, porcos, cabalos, galiñas… Empreguei unha cámara Bolex de 16mm e metraxe para copia en branco e negro de alto contraste. Xa na casa revelei e puiden ver todo o filmado na fin de semana. O propio revelado foi nunha cuba e cunha mestura de reveladores caducados que xa tiña. O resultado non foi sempre o esperado pero tamén sorprendente en canto a textura e residuo xerado no proceso. De aí, a rumiación, para atoparlle a forma a aquel conxunto de vacas filmadas. Apoiándome nos textos da Odisea e unha conferencia de José Luís Sampedro onde comparaba ao escritor cunha vaca, foron as claves para pechar a peza final".
"A illa de Helios" é unha peza retranqueira que utiliza un texto clásico da Odisea de Homero para cementar e darlle sentido ás imaxes pantasmagóricas do mítico gando de San Sadurniño, pero que tamén ilumina os procesos implicados en calquera creación audiovisual: "A peza resultou nun moi breve ensaio acerca do proceso de filmar e revelar, e como isto tiña que ver tamén coa rumiación, e a vaca. Os textos da Odisea, o son do vento daquel día e uns fragmentos dos nocturnos de Debussy armaron o conto final. De factura sinxela e primitiva, a peza xoga coa idea de ver/filmar, rumiar e transformar". En definitiva, unha suxerente e divertida oda de amor ao cinema, -e tamén ás vacas de Sansa- que acredita o inmenso talento de Tono Mejuto.
Equipo
Dirección
Galería
