Sinopse
"Sansa[nicar]. RAG: verbo transitivo. Mover, axitar ou facer oscilar [unha persoa ou cousa]. [...]nicar ESTRAVIZ: v. tr.
1. Picar com o bico [a ave]
2. Aniquilar, destroçar
3. Romper ou erodir algo sem chegar a crebar.
4. Fissurar-se, não acabar de romper.
Sansanicar San Sadurninho. Nicar nel para mirar pola fenda do tempo
Cociña da peza
Na peza producida para a Chanfainalab participa activamente Mónika Chorén, (Compostela 1974), aínda que voraz consumidora desta e das outras artes, unha ninguén [literal] neste eido no que embarca por primeira vez.
Bocixa e Mónika achegáronse a San Sadurniño seguindo coa cámara o ronsel dun vello poema do pedagogo progresista coruñés Darío García Taboada, mais a gravación resultou accidentada polo que adiaron a receita final da peza. De feito, o material acaído do poema conforma unha especie de "bonus track" despois dos títulos de crédito da curta: "O noso pequeno monstro bicéfalo parte do poema "Oda al valle de San Saturnino" “ escrito no 1888, mais ao cabo, o noso primeiro contacto con San Sadurniño resultou totalmente infrutuoso e non conseguimos cadrar o que buscabamos co que recollemos nese primeiro contacto. Recuncamos en Sansa pouco antes da data de entrega e a curta e o lugar tomounos a nós: as cores, a choiva, -un cabalo que ía ser un carro con bois-, os lóstregos, gañáronnos o espazo e deixámolos facer. A esencia do barruntado ficou pero con traxe novo, vida propia e dúas cabezas."
"Sansa[nicar]" é un díptico documental onde se reflicten dous xeitos complementarios de achegamento ao territorio, o que preconiza a reinvención mediante a intervención directa na posta en escena -a cabalo entre ficción e documental- e a que acariña a paisaxe con mimo, empatía e paciencia con fondo alento poético: "Sansanicamos Sansa, fendemos o tempo para mirar cara as dúas beiras, enfrontando as referencias oníricas do poema de Darío García Taboada co San Sadurniño actual, con máis ruído, con cores máis vivas, con máis velocidade. Quedaron atrás referencias a algún filme [Wan] e non se puido utilizar a versión de "Mambo Gallego" de Tito Puente pero a da Orquestra Varela é igual de magnífica. Poida que aquelas persoas que se acheguen ao filme recollan ese sentimento enfrontado do que foi, do que é e do que será. Que reflexionemos sobre o camiño que traza o ser humano e se deberiamos fuxir de tanto asfalto e formigón, de tanta tecnoloxía que nos abafa e de tanto trafego insoportable.".Así pois, gocen con esta proposta visual de Mónika e Bocixa que garda fidelidade co seu estilo libre, activista e comprometido no devalar harmónico da Terra. Un orgullo e un luxo como apertura da 9ºª Chanfainalab.
Equipo
Galería
