Biografía
Xosé Bocixa, fillo e neto de labregos é un músico, xornalista e cineasta, vocalista da banda de rock Zënzar, a banda máis veterana do rock en galego (30 anos). Ao longo da súa prolífica traxectoria desenvolveu numerosos traballos audiovisuais como director, editor, músico e produtor. A Bocixa non lle gusta a etiqueta de director, ou o cine producido para a "alfombra vermella", vese coma un labrego do audiovisual e ten a sorte de sachar, gradar e cainzar con esta arte en encargos publicitarios, culturais, sociais, políticos, eventos, videoclips, reportaxes etc, nun sen parar onde se mestura a creación co activismo social. Tamén vese na obriga de poñer o seu tempo e ollada colaborando na defensa da Terra e dos dereitos das persoas cando é preciso e o ánimo e a vida llo permiten. No ámbito do vídeo xornalismo traballou para A Nosa Terra Dixital, Praza Pública, Nós televisión ou Galicia Confidencial. Realizou documentais de contido social e activismo medioambiental como "As Encrobas a ceo aberto" (2007), "100 anos de A Nosa Terra"(2008), “Rosa de Corcoesto” (2013), “A ameaza do cobre” (2018), "Estruturas, Pel contra pel"(2019), “12 leiras” (2019), “Redes contra a política do expolio” (2019), “A vivenda, un bem social” (2020) entre outras. Así mesmo realizou as curtametraxes “Silencio” e "Unha muller que pasa" (2016) gañadora do Certame Curtas para Rosalía da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
