Sinopse
Cando o home de Maruxa morre de COVID no hospital, un rapaz da mesma aldea empeza a axudar e apoiar a esta muller na súa soidade, xurdindo entre ambos unha profunda amizade
Cociña da peza
Xavier achegouse a San Sadurniño despois dun longo proceso de preparación, mentres posproducía o documental sobre María Casares. O desenvolvemento do proxecto foi modélico: a través da rede escolleu aos seus intérpretes entre a veciñanza de San Sadurniño, cos que foi tecendo a estrutura e o guión da peza, meses antes da gravación: "a idea parte dunha historia real urbana -con tintes autobiográficos-, que adaptei a un entorno rural. Trátase dunha curta dramática, con algúns elementos de comedia naturalista que xorden das propias situacións cotiáns. O ritmo narrativo conta coa música como un apoio emocional importante. Os diálogos foron improvisados polas actrices e polos actores, para buscar unha maior naturalidade. A posta en escena é bastante estilizada, xogando co realismo dos espazos e localizacións escollidas, con especial coidado nos encadres, no tratamento das cores e da luz" .
“Interxeneracional" é un exemplo perfecto para definir un dos obxectivos que procuramos coa Chanfainalab: a integración da veciñanza cos cineastas invitados/as. A peza foi codirixida e coguionizada por persoas locais (Bieito Beceiro, Maruxa Bouza e Carmen Couce), baixo a mirada lúcida e creativa de Xavier a prol dunha mensaxe humanista e positiva, a pesar do dramatismo do punto de partida: "a curta quere poñer en valor algo que cada vez escasea máis hoxe en día: a interrelación afectiva entre as xeracións de persoas maiores e as xeracións de xente nova. Queremos facer con esta peza unha homenaxe aos nosos maiores, vítimas principais da epidemia do COVID". O resultado do proceso de colaboración é unha historia poderosa e conmovedora que vai directamente ao corazón. Imposible non emocionarse con ela. Para a Chanfainalab foi un auténtico orgullo contar coa participación dun cineasta fundamental na historia do cinema galego.
Equipo
Galería
