Pois iso, que te quero
- Duración
- Localización
- Santa Mariña do Monte
Sinopse
Nais e fillas. Catro xeracións dunha mesma familia. Toman café, charlan e rin, pero tralas risas agochan silencios gardados durante anos, porque aínda lles queda moito por se dicir.
Cociña da peza
A historia detrás desta peza xurdiu por azar. Beatriz achegouse á Chanfainalab coa idea de gravar unha curtametraxe de ficción sobre as relacións entre unha nai e a súa filla: "Tiña na cabeza unha pequena situación narrativa como punto de partida, mais ao coñecer ás protagonistas de catro xeracións dunha mesma familia, decidín cambiala por unha peza que abordara a maternidade e as relacións entre nais e fillas no devalar do tempo. Mais tampouco quería facer un documental tradicional con entrevistas estereotipadas a unhas e outras, senón que pensei en partir dunha situación artificial, na que as protagonistas se mirasen e pensasen na súa relación ao longo do tempo compartido e ver qué xurdía. Unha situación artificial da que puideran agromar sentimentos moi reais. Eran vidas e anos enteiros de convivencia que agochaban silencios e cousas que non foran verbalizadas endexamais. O propósito era que que agromaran os sentimentos e se producira unha catarse entre elas. E penso que se conseguiu. Estou moi contenta do resultado".
"Pois iso, que te quero" é unha viaxe respectuosa a través das emocións de catro xeracións de mulleres, que se enfrontan a través dos anos, para que se digan o que nunca se dixeron, mais que tamén se queren incondicionalmente: "O que pretendo é chegar ao corazón, porque toda a peza destila unha verdade que emociona e interroga ao calquera espectador sobre os seus propios sentimentos polos seres queridos do seu entorno". Aquí o espazo físico narrativo non conta, porque o único relevante é a humanidade omnipresente a través de primeirísimos planos, desas mulleres auténticas que falan, senten e se interrogan diante da cámara sobre os silencios agochados e a emoción dos ronseis do tempo compartido. Esta é unha historia moi local, que se desenvolve a través das engurras de mulleres que viven na parroquia de Santa Mariña do Monte, mais ao tempo é unha historia universal que pode ser comprendida perfectamente en Australia, China ou Arxentina. Unha aposta orixinal e diferente na procura da poesía que late baixo do real e a verdade que, sen dúbida, vai emocionar e deixar un pouso no corazón e a cabeza de quen a mire. Tamén é un marabilloso recordo eterno para a familia que aceptou poñerse baixo da sensibilidade e alento poético de Beatriz del Monte.
“Pois iso, que te quero” ou como espir a alma diante dunha cámara sen decatarse
Equipo
Dirección
Reparto
Galería
