
Desde San Sadurniño ata festivais de diferentes países, historias e olladas que viaxan máis alá do lugar onde naceron

Unha das maiores satisfaccións do Chanfaina Lab é comprobar que as películas nacidas neste encontro poden emprender viaxes que van moito máis alá de San Sadurniño. O que comeza como unha experiencia de creación compartida, ás veces cunha pequena cámara e medios limitados, acaba chegando a festivais, mostras e espazos culturais de cidades e países moi diversos.
Ao longo destes anos, as nosas pezas percorreron Galicia enteira, mais tamén boa parte da xeografía española como Madrid, Barcelona, Cádiz, Canarias, Granada ou Bilbao e mesmo chegaron a lugares tan afastados como Xeorxia e Wisconsin (EEUU), Arxentina, Brasil, Ecuador, Perú, Italia, Chile, México, Portugal, China, Francia ou Alemaña. Esta segunda escolma reúne obras moi distintas, desde o documental e a ficción ata a videocreación experimental e a exploración poética da imaxe, que atoparon recoñecemento e novos públicos fóra do seu contexto de orixe.
Máis alá dos premios e das seleccións, cada paso por un festival é unha oportunidade para compartir outras maneiras de mirar, contar e sentir. E tamén unha alegría para quen facemos o Chanfaina Lab: saber que aquelas historias que comezaron aquí seguen o seu camiño polo mundo.
A duración do programa é de 95 minutos
















