Cociña da peza
Lara e Noa achegáronse a San Sadurniño por segunda vez dispostas a rachar de novo e sorprendernos con esa mirada propia, única e singular coa que asinan todas as súas creacións. Como xa coñecían o territorio, este ano viñan cunha vaga idea de partida relacionada con espazos de auga e cos traballos que estaban a desenvolver na Universidade. O resultado da súa procura atopárono na máxica fervenza do Río Castro: "O único que tiñamos claro cando empezamos a gravar era a localización: queríamos un escenario acuático, onde as personaxes puidesen flotar, onde non houbese referencias espaciais que as condicionasen. Esta premisa estaba relacionada cunha serie de traballos que estabamos a realizar como proxecto para a facultade, onde abordábamos o tema da identidades e a invención de novos contextos para o corpo". Porén, o acabado formal da curta apareceu como resultado dun pequeno atranco coa cámara: "Ao comezar a gravar tivemos que enganchar a cámara boca abaixo. A rotación automática estaba estragada, así que o resultado da primeira proba foi a inversión da imaxe. Esta casualidade pareceunos moi interesante: o espazo gañaba en ambigüidade, e ver ás dúas protagonistas "patas para arriba" perturbaba ás pautas que rexen os lugares "posibles". Así que decidimos continuar a gravación aproveitando a decisión do azar. "Pezas imposibles" foi o resultado".
"Pezas imposibles" é unha proposta experimental, por veces mesmo desconcertante, na que as cineastas ferroláns volven a ensaiar un punto de vista sorprendente e que segue a esixir a complicidade do espectador. Si o ano pasado nos obrigaban a "remirar" a paisaxe con outros ollos, este ano tamén o fan con eses corpos etéreos, case sen límites físicos, esvaecidos nas augas do río Castro. Lara e Noa exploran novos xeitos de representación do corpo humano sen ningunha referencia coñecida; unha especie de espectáculo de ballet acuático -insólito e de gran beleza plástica -que nos obriga a interrogármonos sobre o que estamos a ver. O único apoio narrativo é unha sutil idea que vertebra cada unha das nove partes nas que se organiza a curta. O consello que nos dan as cineastas é practicamente o mesmo que nos deron na edición pasada: que @s espectador@s tomen a curta coma un experimento e se deixen levar: "Que se introduzan nas imaxes e se mergullen no espazo que se amosa, e xoguen a descubrir o que lles evoca de forma persoal. Que se pregunten qué é e onde se atopa o imposible destas pezas". Noa e Lara -artistas "totais" e de inmenso futuro- seguen a demostrar o moito que poden aportar no devalar do cinema e a cultura galega en anos vindeiros.
Galería
