Sinopse
Tempo vertical: teaser do filme "Lúa vermella"
Cociña da peza
“Tempo vertical” non é unha curta producida ao abeiro da III Chanfainalab á que foi invitado Lois Patiño. Máis ben trátase do rescate dunha pequena peza de grande interese na traxectoria de Lois Patiño. En realidade é un teaser gravado en Sansa no 2015 polo cineasta para acadar o financiamento da longametraxe “Lúa Vermella” (2020), unha longametraxe fantástica que percorreu máis de corenta festivais internacionais. O equipo de cociña da Chanfainalab colaborou na súa loxística e produción; na gravación -no adro de San Cristovo de Ferreira- participan arredor de corenta veciños e veciñas de San Sadurniño.
Con esta peza, o cineasta vigués pretendía experimentar e amosar o estilo visual e narrativo no proceso de desenvolvemento do proxecto de longametraxe. Segundo o propio Lois explicaba daquela: "tratábase de capturar a experiencia temporal a través de figuras inmóbiles na paisaxe para contrapoñer o “tempo horizontal”, un tempo físico, o tempo da natureza; fronte a “tempo vertical”, que sería moito máis impreciso. Non é só o tempo da conciencia, senón que fai tamén referencia a algo que se asocia á experiencia poética, ao abraio ou a sublimación. Unha experiencia interior de transcendencia, de quietude introspectiva”
Así pois, "Tempo vertical" é a cerna, o corazón da longametraxe “Lúa Vermella”, que incorporamos con orgullo ao arquivo audiovisual de San Sadurniño por xentileza de Zeitun films e do propio Lois Patiño.
Equipo
Dirección
Galería
