Sinopse
Cruz Piñón ten unha horta, unha vaca e moitas froiteiras. O seu refuxio é a súa casa. O mundo, en cambio, está cheo de males que dalgún xeito terá que espantar
Cociña da peza
Ariadna chegou a Chanfaina cos deberes feitos pois tiña un fío do que tirar. A idea do espantallo como recurso metafórico e narrativo xa a empregara nunha pequena curta (dun minuto de duración) titulada "Atila" coa súa nai como protagonista: "Nesa curta usamos o espantallo para "escorrentar" o covid xusto despois do confinamento. En Ferreira retomei a metáfora para desenvolvela no contexto do Chanfaina Lab, onde o rural é un dos elementos protagonistas xunto con todo o imaxinario de cultura popular que o rodea. Contactei directamente con Cruz Piñón; coñecía o proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño”, vin os seus vídeos e chamoume moito a atención a súa personalidade. Interesábame atopar a alguén como Cruz, unha persoa moi carismática, divertida e chea de vida co propósito de evocar a súa historia persoal de superación e así crear resonancias con outras experiencias vitais. É dicir, que outra xente se puidese sentir identificada, dalgún xeito, coa súa historia. Ademais, encántame empregar a retranca e introducir dobres lecturas no relato, e con Cruz foi unha tarefa moi doada, mesmo de creación conxunta".
"Espantos e desencantos" encaixa no xénero documental de tipo performativo. É unha modalidade de documental na que a cineasta estradense xa leva traballando en curtas anteriores: "Ademais, tamén é un tipo de narrativa que teño como fonte de inspiración. Neste sentido, a obra de Agnès Varda ou Xacio Baño é unha referencia fundamental. Tamén influíume o documental "Muchos hijos, un mono y un castillo", de Gustavo Salmerón, onde constrúe unha personaxe cinematográfica a partir dunha persoa real. Con "Espantos e desencantos" buscaba precisamente iso, inspirarme nuns rasgos de personalidade concretos para desenvolver a historia de xeito creativo, distendido, espontáneo e sen obviar a experiencia real da protagonista. Interésame falar do xeral dende o particular, cun pé entre a realidade e a ficción (ou máis ben, o ficcionado, o performado, o escenificado). En canto ao tratamento visual, préstolle moita atención e coidado á composición dos planos, á calidade da imaxe e a potencia visual da mesma. Procuro unha sensibilidade estética, poética e reflexiva". E nesta peza conseguiu acadar todos os seus obxectivos. Ariadna ofrécenos a luminosa actualización dunha das máis coñecidas e bravas veciñas de Ferreira. Unha ollada orixinal e positiva do universo rural, case a contrapé de varias producións profesionais recentes do audiovisual galego
Equipo
Galería
