Ir ao contido principal

A paisaxe envolve

Viaxes polas paisaxes visibles e invisibles.

Películas
15
Duración
85 min
Anos
2014–2025

Da observación á experimentación, á imaxinación. Viaxe polas múltiples formas de sentir e representar a paisaxe.

Alí sentíame eterna (Aldara Pagán)
"Alí sentíame eterna" de Aldara Pagán

A paisaxe é un dos temas máis recorrentes na Filmoteca do Chanfaina Lab. Para a maioría de cineastas, chegar a San Sadurniño supón descubrir un lugar descoñecido e buscar nel un fío condutor, unha forma de ordenar aquilo que teñen diante dos ollos. Uns detéñense nas formas xeométricas e nos elementos que compoñen o espazo; outros percorren camiños, observan a natureza, rexistran estruturas ou exploran as relacións entre o mundo natural e a intervención humana.

Cada cineasta propón unha maneira particular de mirar e descubrir a paisaxe. Ás veces, a cámara limítase a acompañar o que acontece; noutras, transforma o observado nunha experiencia poética, sensorial ou abstracta. O resultado é unha escolma de olladas diversas que nos invita a reparar naquilo que nos rodea e que, por habitual, moitas veces deixamos de ver.

Este é o primeiro ciclo dedicado á paisaxe, un tema que seguirá ofrecendo novas perspectivas e novas formas de explorar o lugar a través do cinema.

A duración do programa é de 85 minutos

Películas do ciclo

15 películas