Sinopse
Alí, co corpo espido entre toda aquela vida colorida e natural, sentía a inmensidade. Alí sentíame eterna.
Cociña da peza
Aldara chegou á San Sadurniño acompañada polas súas amigas Clara e Iria. Viña coa intención de deixarse levar, quería facer unha peza sen guión ou un formato de produción convencional, ao estilo de exploración libre do espírito da Chanfainalab: “Aqueles días andaba un tanto farta, en realidade quería estar ao meu rollo, camiñando en pelotas polas pedras do Forgoselo. Xa traía algunhas referencias de localizacións a través de "Fálame de San Sadurniño" e logo o gran Abel Vega axudounos moito. Foi unha oportunidade, unha escusa, para xogar, experimentar, e respirar...Con esta obra pretendía plasmar un momento de paz, de tranquilidade de liberación. Algo que necesitaba nese momento. Podería dicir que as miñas referencias baseáronse en artistas como Alberte Pagán, Ana Mendieta ou Maya Deren".
“Alí sentíame eterna” é un poema visual conectado con "O que precede a caída é branco" -a curta anterior de Aldara- polo que ten de autorepresentación ou autobiografía. A nova cineasta ourensá utiliza as súas propias sensacións como materia prima ou eixe do relato vencellado coa natureza e o seu potencial catártico sobre a alma. Os ronseis do sol, a auga, o vento, as rochas ou as flores no corpo espido de Aldara impregnan de sentido case panteísta a toda a peza: "En realidade non hai que entender nada,non é unha curta que conteña unha historia tradicional, trátase só de sentir; sentir a fusión do corpo co entorno que me rodeaba en cada instante."
Así pois, deixémonos levar pola poesía visual de Aldara, quen demostra que é moito mais que unha promesa; pola madurez, beleza harmónica que debulla cada segundo desta fermosa curta, que ben poderíamos calificar como zen e moi beneficiosa para os días da corentena.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Montaxe
- Adrián Canoura
Galería
