Sinopse
O sentir da eternidade da erosión das rochas do Forgoselo materialízase na efémera interacción coa materia viva.
Cociña da peza
Angela se desenvolve no audiovisual a par que a súa curiosidade científica, probando sempre cousas novas, aproveitando calquera oportunidade para aprender e mellorar mediante a participación activa noutras pezas dos chanfaineiros como "Pedro Chosco" de NaraíoMedia ou "O pano de seda" de Kevin Lorenzo. Nesta ocasión o detonante da súa curta foi a ruta xeolóxica polo Forgoselo: "Durante a visita guiada ao Forgoselo co xeólogo Fran Canosa, no día de presentación, decidín centrar a peza no fenómeno da erosión. Nun principio, pensei en focalizar a curta unicamente nas propias rochas. Xogar coa perspectiva dos planos como recreación do afloramento do granito por erosión do material superficial. A idea evolucionou durante os días de rodaxe, pois sentín a necesidade de incluír outros elementos da contorna. Empregar as rochas de forma illada non reflectía a esencia do lugar. Descartei entón a idea de incluír calquera tipo de explicación narrada como pensara para a idea orixinal, que me pareceu que interferiría rompendo a atmosfera evocada. Unha peza que tiven presente na elaboración da curta foi “Superficies: Forgoselo (Granito)” de Alberte Pagán. Aínda así, filmei o que me apeteceu e me suxeriu algo interesante no momento".
"Erosión" non é un documental científico ao uso, porque a cineasta pretendía ofrecer tamén un espectáculo visual da beleza do Forgoselo e a súa persoal ollada da paisaxe telúrica da Serra: "A peza final mestura as consecuencias dun proceso de erosión que comezou hai millóns de anos coa interacción entre as rochas erosionadas, as plantas e os animais. Os efectos da erosión perduran no tempo no que parece unha eternidade ao comparalos coa escala temporal da materia viva. As marcas en forma de fisuras deixadas pola circulación, a auga, as pías creadas pola degradación química e procesos físicos, todo ese desgaste externo xunto coas formas de interior (como os bolos) desveladas pola erosión... Son as explicacións xeolóxicas as que estruturan a peza, mais tratadas dun modo particular e persoal. “Erosión” non busca explicar, senón transmitir" . A paisaxe de pedra, coas pías, os bolos e as pedras cabaleiras graníticas e os toxos, brañas e cabalos convértense nun marabilloso espectáculo que procura a xeoloxía dende a beleza. A creadora Ángela Arnosa volve a sorprendernos co seu selo único e orixinal que só pode agromar dunha científica e poeta ao tempo.
Equipo
Dirección
Galería
